Política Social e a dirección executiva da Rede Europea de Servizos Sociais analizan os efectos provocados pola pandemia da covid-19

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo hoxe unha reunión co director executivo da Rede Europea de Servizos Sociais, Alfonso Lara Montero

No encontro trataron cuestións como a adecuación das rendas mínimas autonómicas trala incorporación do IMV ou o deseño dos itinerarios integrais de inclusión sociolaboral cara á inclusión activa

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo hoxe un encontro co director executivo da Rede Europea de Servizos Sociais, Alfonso Lara Montero, para abordar as actuais políticas europeas en materia de inclusión social, en especial as implantadas para dar resposta aos efectos sociais provocados pola pandemia da covid-19. Durante a reunión, Arturo Parrado salientou a importancia de non parar de marcarse novos obxectivos que teñan como finalidade mellorar a situación das persoas que máis o precisan, e sobre todo ás que tras este ano, marcado polo coronavirus, se atopan nunha situación de máxima vulnerabilidade.

Ademais disto tratáronse outras cuestión de relevancia como a adaptación das rendas mínimas autonómicas ao contexto actual trala entrada en vigor do IMV, a efectividade e deseño dos itinerarios integrais de inclusión sociolaboral cara á inclusión activa, o intercambio de prácticas innovadoras neste eido ou a coordinación interinstitucional no ámbito dos servizos sociais, entre outras cuestións.

A Rede Europea de Servicios Sociais (ESN) está integrada por máis de 150 organizacións membro de 35 países europeos, que inclúen organismos públicos a nivel nacional, rexional e local, e organizacións responsables de servizos sociais en representación de máis dun millón de profesionais de toda Europa. O seu obxectivo é promover o intercambio de coñecementos, prácticas e políticas entre os diversos servizos sociais de toda Europa, sendo a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, unha das organizacións membros.