O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe á presentación da iniciativa na Cidade da Cultura

A Xunta pon en valor que o proxecto Valornature permite á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal avanzar no desenvolvemento da economía circular

Conde destaca que a cooperación no ámbito da I+D e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía contribúe a posta en marcha dun centro de excelencia de materiais avanzados

O obxectivo desta idea é valorizar residuos naturais do sector primario e desenvolver así materiais para ser aplicados en sectores estratéxicos como a automoción, aeronáutica, construción, deporte ou o naval

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación do proxecto Valornature, no cal Galicia e o norte de Portugal unen esforzos e talento na súa aposta por unha transición enerxética xusta a través da innovación e a economía circular.

Unha iniciativa, tal e como destacou Conde, que consolida na Eurorrexión un centro de excelencia en materiais avanzados para o aproveitamento de recursos naturais como a madeira. Todo isto, co fin último de acadar un modelo económico máis sustentable e competitivo a ambos os dous lados do Miño.

Deste xeito, o obxectivo de dito proxecto pasa por crear novas dinámicas e sinerxías de I+D+i para valorizar recursos e residuos naturais do sector primario e desenvolver así materiais que poidan ser aplicados a sectores estratéxicos como a automoción, a aeronáutica, a construción, o deporte ou o naval.

Valornature, enmarcado na Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, é o resultado do traballo conxunto de administracións –a Xunta xoga un papel chave a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera)–, tecido produtivo e centros especializados como o Polo de Innovación en Enxeñaría de Polímeros de Portugal (PIEP) e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

Este último xa deu lugar a varios produtos realizados a través de restos de madeira dentro deste proxecto galego-portugués, como viseiras de protección feitas a partir de perchas; embalaxes para produtos de cosmética; ou equipamento deportivo con laminados de madeira e carbono.

“Valornature supón un ecosistema de innovación que pretende aumentar o nivel de cooperación en I+D e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os sectores económicos de Galicia e o norte de Portugal”, sinalou Francisco Conde durante o encontro, ao tempo que asegurou que a Xunta seguirá apoiando este tipo de iniciativas que conxugan os tres piares da recuperación, como son o talento, a competitividade e a sustentabilidade.

Así mesmo, quixo recordar tamén que os fondos europeos Next Generation suporán unha gran oportunidade para reproducir os obxectivos de Valornature a gran escala, xa que a candidatura galega a estas axudas recolle proxectos referidos á economía circular e a transición ecolóxica que contemplan unha mobilización de 20.000 millóns de euros.

Imaxes relacionadas