Luis López destaca o apoio e implicación da Xunta para a reactivación dos eventos deportivos na presentación do I Rallymix de Ribadumia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra asistíu neste concello do Salnés ao acto promocional desta nova proba de motor, que se celebrará a fin de semana do 25 de xullo

O representante autonómico subliña o "mérito dobre" da escudería organizadora polo traballo de crear unha nova competición e cumprir cos protocolos de seguridade sanitaria
 

Ribadumia, 14 de xullo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou o apoio e implicación do Goberno galego para a reactivación dos eventos deportivos na nosa comunidade durante o acto de presentación do I RallyMix Concello de Ribadumia, celebrado esta mañá na súa casa consistorial.

O representante autonómico, acompañado do alcalde, David Castro, e de membros da organización e doutros organismos colaboradores, considerou que a celebración desta proba, na fin de semana do 25 de xullo, "é un avance máis na recuperación da vida social de antano no marco da crise sanitaria, malia a situación epidemiolóxica cos contaxios en alza dos últimos días".

Por elo, quixo darlle os parabéns á Escudería Desguaces Tino Racing: "O seu mérito é dobre porque, á habitual complexidade técnica e loxística de organizar unha proba de motor, e máis na súa estrea, hai que engadir o necesario establecemento dos protocolos sanitarios que fan que os eventos, de toda índole, sexan lugares seguros e non estean no foco da preocupación polos contaxios".

Luis López, que recalcou que esta proba do Campionato Galego de RallyMix conta co apoio e a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, animou aos pilotos do panorama galego e nacional a participar para respaldar esta nova carreira e amosouse convencido de que "será un éxito" e terá continuidade no futuro, consolidándose no calendario galego.

Así mesmo, tildou o RallyMix de Ribadumia de "moi boa nova" para os milleiros de siareiros galegos das probas de motor e, tras pedirlles sentidiño e responsabilidade no cumprimento dos protocolos, destacou "a paixón que senten por estas carreiras, que é moi digna de admirar e que fan de Galicia un dos grandes focos mundiais dos rallies".

Imaxes relacionadas