A Xunta publica hoxe o cambio de titularidade a prol do concello da Baña dunha parcela pública na AC-546 para a construción dunha área de servizo de autocaravanas

Trátase de mellorar a seguridade viaria e a imaxe desta vía, que coincide co percorrido do denominado “Final do Camiño”, no treito de Compostela a Fisterra

Transfírese a franxa de dominio público entre a actual estrada AC-546, no punto quilométrico 6+310 da marxe dereita e o antigo trazado deste viario que xa foi cedido anteriormente ao Concello, nas proximidades dos núcleos do Couto Carballo e de Busto

Con esta transferencia o Concello asume a xestión e conservación deste tramo
 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia a prol do Concello de Baña dunha franxa de dominio público viario da estrada autonómica AC-546, ao seu paso polo municipio coruñés para a construción dunha área de servizo de autocaravanas.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 1 de xullo: https://xurl.es/hzsks

O Concello solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a cesión da parcela existente entre a actual estrada autonómica AC-546, no punto quilométrico 6+310 da marxe dereita e o antigo trazado deste viario, situada nas proximidades dos núcleos do Couto Carballo e de Busto. A entidade local basea a súa solicitude no seu interese en construír unha área de servizo para autocaravanas, xa que se atopa no percorrido coñecido como “Final do Camiño”, referente ao Camiño de Santiago, e correspondente ao treito de Compostela a Fisterra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas, formula a proposta favorable de transferencia da citada franxa da estrada, entre os puntos quilométricos 6+310 ao 6+460. A dita parcela conta con accesos de entrada e saída á AC-546 xa feitos e a construción dunha área de servizo para autocaravanas melloraría a seguridade viaria e a imaxe do viario sen afectar ao seu tráfico.

A autorización do cambio de titularidade implica, tamén, o compromiso da entidade local de destinar estes terreos á citada área de servizo de autocaravanas como elemento funcional e á incorporación como dominio público viario asociado ao treito antigo da AC-546, xa transferido anteriormente ao Concello.

Esta transferencia a prol do Concello da Baña tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

O cambio de titularidade será efectivo desde mañá. A partir da entrega, o Concello da Baña terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.