O conselleiro do Medio Rural participa no Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e na Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural

A Xunta márcase como liña vermella nas negociacións da nova PAC garantir o mesmo volume de fondos para Galicia que no anterior período

A prioridade do Goberno galego é aproximar o novo modelo o máximo posible ao da agricultura e a gandaría da Cornixa Cantábrica, con explotacións pequenas e medianas familiares e profesionais, fronte á orientación “mediterránea” que sostén o Ministerio

A Xunta avoga por regular as superficies con dereitos de axuda para que Galicia non saia prexudicada fronte o sur e o levante español e advirte que os ecoesquemas non poden ser esixencias adicionais, porque os agricultores galegos xa están facendo unha custodia do territorio pola vía do cultivo da súa base territorial

Madrid, 14 de xullo de 2021

A Xunta márcase como liña vermella, nas negociación da PAC, garantir o mesmo volume de fondos para os agricultores e gandeiros galegos que no anterior período de execución. Así o advertiu esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, antes de participar no Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e na posterior Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural, na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) en Madrid.

O conselleiro reiterou que a prioridade do Goberno galego é “a defensa dos intereses dos nosos agricultores e gandeiros”, na liña de convencer ao MAPA de que o modelo da PAC se asemelle o máximo posible ao da agricultura e gandaría da Cornixa Cantábrica e polo tanto ao de Galicia. Porque neste intre, matizou, o que prima na proposta do Ministerio é o enfoque “mediterráneo”, orientado cara o sur e o leste español. Todo isto, reiterou González, dende a lealdade institucional ao Goberno de España, pero coa máxima firmeza na defensa dos intereses de Galicia que, lembrou, é a quinta economía agraria do Estado. Nesta liña, o conselleiro engadiu que a referencia da nova PAC deben ser as explotacións de pequeno e mediano tamaño, con base territorial, e moi profesionalizadas, que son as propias da nosa comunidade.

Dereitos de axuda

En parecidos termos, José González insistiu na necesidade de regular de forma adecuada a cuestión das superficies con dereitos de axuda e a cantidade que percibe cada beneficiario por hectárea. Neste sentido, advertiu que antes de abrir os dereitos da PAC a novos cultivos, como froitas, hortalizas ou viñedo -que favorecen esa orientación “mediterránea”- cómpre regularizar a situación de Galicia, onde os nosos agricultores e gandeiros teñen superficies polas que deberían estar cobrando, pero non o fan.

Así, dispoñen de hectáreas de pastos permanentes ou forraxes, por exemplo, pero non perciben por elas dereitos da PAC, por diferentes causas de índole histórica. Ademais, engadiu, isto tense que regularizar en Galicia porque a nosa autonomía é a que peor situación ten do conxunto de España, cun diferencial negativo de ata 30 puntos porcentuais respecto da media nacional canto a superficie con dereitos.

Sobre os ecoesquemas, cos que a nova PAC quere fomentar as prácticas ambientalmente sostibles, José González puntualizou que eses requisitos non poden ser esixencias adicionais para os agricultores e gandeiros, que no caso galego xa están facendo unha custodia do territorio pola vía do cultivo da súa base territorial. Fano, ademais, para loitar contra o abandono, un dos grandes retos que enfronta o agro galego. Por iso, o deseño a nivel español ten que recoller ecoesquemas que se adapten aos sistemas produtivos característicos de Galicia e a Cornixa Cantábrica.

Imaxes relacionadas