O titular de Medio Rural respondeu esta tarde no Parlamento a unha pregunta en materia de incendios forestais

A Xunta demanda ás deputacións unha maior implicación na loita contra os incendios forestais

O conselleiro destacou que a única deputación que está a asumir as súas competencias en materia de lumes é a da provincia de Ourense, xa que o resto leva máis dun ano aprazando unha primeira reunión de coordinación

Puxo en valor o convenio de colaboración subscrito coa Fegamp en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, destacando que xa son 270 os concellos adheridos

A través deste convenio, garántase a correcta xestión da biomasa en parcelas situadas dentro da rede de faixas secundarias de máis do 86% do territorio galego

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, demandou esta tarde no Parlamento unha maior implicación das deputacións provinciais na loita contra os incendios forestais. Neste senso, o conselleiro lembrou que a lexislación vixente recolle que se trata dunha cuestión compartida entre Goberno galego, entidades locais, concellos, mancomunidades e deputacións e que “a colaboración é esencial, máis en cuestións tan transcendentais como son os incendios forestais”, matizou o José González.

Así, o titular de Medio Rural sinalou que unha das disposicións da Comisión de Expertos do Parlamento, a cal foi apoiada por aquel entón por todos os grupos da Cámara, poñía de manifesto esta necesaria colaboración das deputacións na loita contra os lumes, debendo asumir o papel que lle corresponda e “asumindo as recomendacións cunha maior implicación financeira pola súa parte”, destacou.

Neste senso, José González puxo en valor o convenio de colaboración subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, destacando que xa son 270 os concellos adheridos. Esta colaboración, sinalou o titular de Medio Rural, garante a correcta xestión da biomasa en parcelas situadas dentro da rede de faixas secundarias de máis do 86% do territorio da Comunidade galega. Unha xestión, aclarou o conselleiro, que está sendo controlada por drons e por 15 supervisores de prevención que están traballando sobre o terreo co obxecto de comprobar o cumprimento da normativa da xestión da biomasa naquelas faixas secundarias de parroquias priorizadas. Ademais, outros 30 supervisores sumaranse a semana que vén a estes controis nas parroquias non priorizadas dos concellos adheridos ao convenio de protección das aldeas.

Ademais, a través de dito convenio, a Xunta entregou 232 plans de prevención municipais aos correspondentes concellos, dos cales 129 xa están aprobados definitivamente e os outros 103 en tramitación. Así, reiterou o conselleiro, en tres anos pasouse de non haber case ningún plan a que o teñan hoxe en día en tramitación preto do 75% dos municipios galegos.

En materia de cooperación interadministrativa, José González reiterou a colaboración cos concellos e sinalou que xa no informe da Comisión de Expertos se consensuou a necesidade dun novo modelo de brigadas municipais, o cal suporía ampliar o seu tempo de traballo a seis meses cunha aposta decidida pola súa profesionalización. Para iso, é preciso que as administracións competentes en materia de incendios -Xunta, concellos e deputacións- se involucren no financiamento deste novo modelo, algo que no caso das dúas primeiras é absoluto.

Tal e como apuntou o conselleiro, a Xunta aposta por un dispositivo profesionalizado, mostra diso foi o reforzo do servizo de prevención e extinción de incendios que realizou a Consellería coa duplicación do tempo de traballo de case 1.000 operarios, cun esforzo orzamentario de preto de 12 millóns de euros.

Doutra banda, o conselleiro destacou que a única deputación que está a asumir as súas competencias en materia de lumes é a da provincia de Ourense, que ademais de mostrarse de acordo co modelo deseñado polo grupo de expertos, está cofinanciando coa CMR a compra de tractores para os concellos da provincia de Ourense, ademais de ceder a súa maquinaria pesada para a realización de traballos de prevención. Ademais, e dada a posición das outras tres deputacións restantes, a Consellería decidiu este ano alugar 16 tractores para a súa cesión temporal a outros tantos concellos desas provincias.

Para finalizar, José González insistiu en que a Xunta ten moi claro o seu compromiso a prol da loita contra os lumes e invitou ás deputacións provinciais a que comecen a dar cumprimento da lexislación vixente e se impliquen na protección dos galegos e do patrimonio forestal.