A Xunta reúne ao comité de avaliación que se encargará de decidir as mostras de deseño gañadoras das Catas de Galicia 2021

No marco desta nova categoría, presentáronse 115 candidaturas para viños e nove para augardentes, que optan ao Acio de Ouro ao Mellor Deseño dos viños e ao Pote de Ouro ao Mellor Deseño das augardentes e licores tradicionais respectivamente

O obxectivo dos galardóns é valorar a creatividade, a innovación e o poder de comunicación no que respecta ao deseño das botellas e á súa etiquetaxe

O resultado da selección farase público o próximo día 21 de xullo, no acto de entrega de premios das Catas

Boqueixón (A Coruña), 13 de xullo de 2021

O Pazo de Quián, en Sergude, acolleu hoxe a reunión do comité de avaliación composto por cinco profesionais do ámbito do deseño gráfico e do marketing que se encargará de decidir cales das mostras de deseño presentadas para as Catas dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia 2021 -un total de 115 na subcategoría de viños e nove na de augardentes- resultan premiadas. O resultado da selección farase público o próximo día 21 de xullo, no acto de entrega de premios das Catas.

Así, os galardóns establecidos nas bases de cata publicadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, foron a de Acio de Ouro ao Mellor Deseño dos viños e Pote de Ouro ao Mellor Deseño das augardentes e licores tradicionais. Ás empresas premiadas faráselles entrega dun trofeo que identifique a categoría e o posto acadado, acompañado dun diploma acreditativo.

Esta nova categoría dentro das Catas de Galicia 2021 quere valorar a innovación e o poder de comunicación no que respecta ao deseño das botellas e á súa etiquetaxe. Deste xeito, con estes premios recoñécese a importancia da creatividade como factor esencial para aumentar a presencia, a competitividade e o recoñecemento dos viños, augardentes e licores tradicionais galegos de cara aos consumidores finais.

Ao mesmo tempo, este recoñecemento busca ser un estímulo para que as adegas coiden a imaxe e presentación comercial dos produtos de calidade, recoñecendo a modernización, innovación e notoriedade destas producións na fase visual de marca e dando a coñecer a presenza de novas marcas, novos envases ou novas propostas comerciais.

A maiores, estes novos premios queren contribuír á promoción e difusión do consumo responsable dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia, captando a atención tanto da mocidade como dos profesionais do deseño, marketing e especialistas na comunicación visual, para que se acheguen ao sector vitivinícola galego.

Imaxes relacionadas