A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou na presentación do proxecto da estación depuradora da Silvouta

Ethel Vázquez destaca a achega da Xunta de 11 M€ á nova depuradora de Santiago e pide axilidade na execución das obras para avanzar no saneamento do río Sar

Vázquez Mourelle subliña que a Xunta é a Administración que fai o maior esforzo económico ao destinar 11 millóns de fondos propios a este proxecto, pese a tratarse de competencias municipais e estar declarada actuación de interese xeral do Estado

Agarda que, unha vez que as obras están adxudicadas, se avance para que os veciños de Santiago conten coa nova depuradora a finais de 2025 ou comezos de 2026, como se ten comprometido

A depuradora da Silvouta ocupará os terreos da actual e os dunha parcela anexa, situada ao norte, que inclúe a conexión á rede de colectores na estación de tratamento actual

A instalación permitirá depurar as augas residuais consonte ás normativas vixentes, resolvendo os problemas de capacidade da actual e evitando verteduras ao río Sar

A conselleira agarda un cambio de criterio para que se teñan en conta as singularidades de Galicia no reparto dos Fondos Next Generation e se impulsen outras actuacións necesarias para a comarca, como a mellora da depuradora de Ames e Brión

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca a achega da Xunta de 11 millóns de euros á nova depuradora de Santiago e pide axilidade na execución das obras para avanzar no saneamento do río Sar.

Vázquez Mourelle, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe no acto de presentación do proxecto da estación depuradora de augas residuais da Silvouta, xunto ao alcalde de Santiago e a directora de ACUAES.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou que esta actuación é froito do diálogo e da colaboración entre as tres administracións: estatal, autonómica e local, que están a amosar a vontade de impulsar proxectos para mellorar a calidade de vida dos veciños e preservar o medio.

Puxo en valor o investimento da Xunta na nova depuradora de Santiago, a pesar de que o saneamento é unha competencia municipal e de que a depuradora está declarada como unha actuación de interese xeral do Estado.

Salientou que o Goberno galego é a Administración que realiza un maior esforzo económico para financiala, pois achega 11 millóns de euros de fondos propios da Comunidade para contribuír ao investimento global da actuación, que ascende a 56 millóns de euros.

Ethel Vázquez remarcou que, unha vez que as obras están adxudicadas desde hai unhas semanas, cómpre a máxima axilidade para executar as obras e poñer en funcionamento o antes posible esta depuradora, para que os veciños de Santiago conten coa nova estación de tratamento de augas residuais a finais de 2025 ou comezos de 2026, como se ten comprometido.
*
A nova depuradora na Silvouta ocupará os terreos da actual e os necesarios dunha nova parcela anexa, situada ao norte, que inclúe a conexión á rede de colectores na estación de tratamento de augas residuais actual.

A instalación permitirá depurar as augas residuais de Santiago nas condicións que esixen as normativas vixentes, resolvendo os problemas de capacidade da actual depuradora e evitando verteduras ao río Sar sen o tratamento axeitado.


Fondos Next Generation

O Goberno de España decidiu incluír esta nova depuradora entre os proxectos a financiar con cargo aos fondos europeos de reconstrución para facer fronte á pandemia.

A este respecto, a conselleira lembrou que os fondos Next Generation impulsados pola Unión Europea son unha oportunidade extraordinaria para dinamizar a economía no que tamén deben encaixar proxectos esenciais dentro da estratexia de crecemento verde e sostible.

Recordou que a Xunta, consciente das necesidades en materia de infraestruturas hidráulicas nos concellos galegos, presentou un conxunto de proxectos que, polas súas características, poderían ser financiables con cargo aos fondos de reconstrución Next Generation.

A este respecto, Ethel Vázquez agarda un cambio de criterios para que se teñan en conta as singularidades de Galicia no reparto destes fondos, como a dispersión da poboación ou o feito de ter a metade dos núcleos de poboación de toda España, para que a Comunidade poida xestionar máis que os 2,5 M€ en materia de saneamento e 6,8 M€ para abastecemento que hai consignados actualmente.

Tamén pediu que, ao igual que a vía dos fondos europeos será empregada polo Ministerio para sacar adiante a depuradora de Santiago, se aproveite para outros proxectos como a mellora da depuradora de Ames e Brión ou a modernización da estación de auga potable do Casal, en Vigo.

Imaxes relacionadas