A conselleira de Política Social, Fabiola García, asina un convenio coa Fundación Secretariado Gitano para financiar o programa Acceder

Política Social aposta pola creación de oportunidades e o acceso ao emprego para os xitanos de Galicia

O Goberno galego achega máis de 300.000 euros á entidade para desenvolver tres iniciativas que promoven a finalización dos estudos obrigatorios, a formación profesional e a inclusión sociolaboral

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Xunta de Galicia aposta pola creación de oportunidades e o acceso ao emprego como a porta para a inclusión social dos xitanos da comunidade. Fíxoo logo de asinar un convenio de colaboración co director da Fundación Secretariado Gitano, Isidro Juan Rodríguez, para financiar o programa Acceder, que realiza unha titorización individualizada e integral para adquirir formación e encontrar emprego.

Fabiola García puxo en valor que para construír a Galicia da igualdade de oportunidades é importante contar co papel de entidades como a Fundación Secretariado Gitano, que chega alá onde as administracións públicas non poden chegar. Nesta liña, salientou que a Xunta sempre recoñece o traballo daqueles que procuran a inclusión social dos xitanos, por iso, recordou que o Goberno galego entregou en xuño a Medalla Castelao a Manuel Vila, presidente da Asociación de Promoción e Integración Gitana de Lugo.

Acceder, Promociona e Empregando

O programa Acceder desenvólvese nas sete cidades galegas e intervén tanto no entorno persoal e familiar como na orientación e na busca activa de emprego grazas á formación profesional. A través deste programa en 2020 en Galicia formáronse máis de 250 persoas e máis de 150 lograron un emprego.

O Goberno galego destina máis de 300.000 euros este ano tanto a esta iniciativa como a outras dúas que realiza a Fundación Secretariado Gitano: Promociona, que axuda á finalización de estudos obrigatorios e, incluso, continuar con estudos superiores; e o programa Empregando, dirixido a mozos menores de 30 anos e dedicado principalmente ao retorno educativo e á adquisición de habilidades para acceder ao mercado laboral.

Imaxes relacionadas