O presidente da Xunta clausurou este mediodía a xornada Cafés con aroma a economía social, organizada polo Foro da economía social galega

Feijóo salienta que cada tres días ponse en marcha en Galicia unha nova empresa de economía social, unha cifra que non se freou polas incertezas da pandemia

Destaca que máis de 100.000 persoas, un de cada once fogares galegos, viven da economía social, representando esta forma empresarial arredor do 7% do PIB galego

Recorda que a Estratexia de Economía Social de Galicia, aprobada en 2019 e dotada con 73 millóns de euros, agrupa e cohesiona as medidas específicas para todas estas empresas, como: a mellora constante da formación, a innovación dentro da economía social e o emprego inclusivo

Incide na importancia de contar cun catálogo de entidades inscritas na modalidade de economía social, co obxectivo de que se poida crear un clúster de Economía Social como interlocutor coa Administración pública

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que cada tres días ponse en marcha en Galicia unha nova empresa de economía social, unha cifra que non se freou polas incertezas da pandemia.

Durante o acto de clausura, este mediodía, da xornada Cafés con aroma a economía social, organizada polo Foro da economía social galega, Feijóo aseverou que a economía social en Galicia é relevante tanto polos seus números -máis de 100.000 persoas, un de cada once fogares galegos, viven da economía social, representando esta forma empresarial arredor do 7% do PIB galego-; como polos seus principios, baseados na responsabilidade, a solidariedade, a integración, o sentimento de comunidade e a cohesión social.

“As cooperativas, centros especiais de emprego, sociedades laborais e empresas de inserción non só encarnan un modelo de negocio responsable, senón que son exemplos dunha xestión empresarial con vocación de excelencia”, aseverou, garantindo o apoio da Administración autonómica a aqueles galegos que deciden embarcarse na creación dun proxecto empresarial así.

Neste obxectivo, destacou que a Estratexia de Economía Social de Galicia, aprobada en 2019 e dotada con 73 millóns de euros, agrupa e cohesiona as medidas específicas que ten a Xunta para todas estas empresas, entre as que destacan: o fomento do emprendemento social; a mellora constante da formación; o apoio á consolidación destas empresas; a innovación dentro da economía social; e o emprego inclusivo, xa que moitas destas empresas son fábricas de oportunidades para persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Por último, Feijóo incidiu na importancia de contar cun catálogo de entidades inscritas na modalidade de economía social, co obxectivo de que se poida crear un clúster de Economía Social como interlocutor coa Administración pública.

Imaxes relacionadas