A Xunta solicítalle ao Concello de Cee a documentación municipal necesaria para a renovación da rede de saneamento cun investimento de 8,1 M€

Trátase da primeira fase das actuacións proxectadas para mellorar un sistema de saneamento e depuración obsoleto e con numerosas deficiencias que provocan a prohibición de baño permanente na praia de Cee

A actuación no sistema de saneamento de Cee-Corcubión consiste na renovación do colector das Laxes e na construción dun novo tanque de tormentas, conectado por un novo colector que leve as augas residuais desde o bombeo das Monxas

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de solicitarlle ao Concello de Cee a documentación municipal necesaria para a mellora do saneamento que dá servizo a este municipio e ao de Corcubión, na que prevé investir 8,1 millóns de euros. Este trámite é necesario para que a Administración autonómica poida executar estas obras sobre unhas instalacións de competencia municipal, como son as redes de saneamento.
Estas obras conforman a primeira fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión para mellorar o funcionamento do sistema. O estudo realizado mostrou deficiencias no funcionamento dos bombeos e a existencia dun sistema de depuración cunha tecnoloxía de tratamento obsoleta.

O diagnóstico efectuado constata que o sistema de saneamento é unitario e que en tempo de chuvia é incapaz de bombear a totalidade de caudais recollidos, producíndose numerosos alivios que, entre outras consecuencias, provocan que a praia de Cee teña prohibición permanente de baño.

Nesta primeira fase de traballos está previsto renovar o colector das Laxes, construír un novo tanque de tormentas e executar un novo colector no bombeo das Monxas que leve ata a nova estrutura as augas residuais e posteriormente as leve á depuradora.

Para que Augas de Galicia poia licitar as obras, cómpre o cumprimento por parte do Concello de Cee da súa parte de tramitación, conforme a normativa que regula a colaboración da Xunta cos municipios en materia de infraestruturas hidráulicas.

O Concello de Cee, como beneficiario desta colaboración do Goberno galego nas súas competencias de saneamento e depuración, debe aprobar o proxecto en Pleno municipal, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.

Ademais de investir 8,1 millóns de euros na mellora do saneamento de Cee e Corcubión, a Xunta, a través de Augas de Galicia prevé iniciar proximamente a redacción do proxecto de construción da nova depuradora, conforme o recollido no convenio asinado co Concello de Cee. Esta actuación correspóndese coa segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría.

En virtude do convenio asinado, a Xunta destinará 347.000 euros á redacción do proxecto da nova depuradora, para o que o Concello se comprometeu a poñer os terreos á disposición.

As actuación que o Goberno galego está a desenvolver para o saneamento da ría de Cee-Corcubión están cofinanciaciadas pola Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER 2014-2020.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.