O Sergas aproba o seu primeiro Plan de igualdade entre mulleres e homes

O documento conta o apoio de todas as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT)

Estruturado en seis eixos, o plan dispón de 59 medidas para facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e os representantes das organizacións sindicais da mesa sectorial de Sanidade asinaron esta mañá o I Plan de Igualdade entre mulleres e homes do Servizo Galego de Saúde

Acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o titular de Sanidade salientou “o firme compromiso do departamento sanitario da Xunta por acadar unha igualdade real e efectiva entre mulleres no Servizo Galego de Saúde”.

“O plan asinado hoxe constitúe un fito co que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes se sitúa como un principio básico e transversal en toda a nosa organización”, apuntou o conselleiro; ao recoller “un conxunto de accións que teñen por obxecto erradicar os posibles atrancos e prexuízos de xénero existentes, na procura de conseguir que a cultura da igualdade o impregne todo”.
O documento, que conta o apoio de todas as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT), fica estruturado en seis eixos, e contempla 59 medidas encamiñadas a avanzar en termos de Igualdade, ademais de corrixir posibles desequilibrios entre o persoal do Sergas.

Eixos e medidas para acadar a Igualdade

Os seis apartados que configuran o plan en materia de igualdade son: o acceso ao emprego público e provisión de prazas; as condicións de traballo e promoción profesional; a formación, información e sensibilización; e o tempo de traballo, corresponsabilidade e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Así mesmo, completan a estrutura do plan: a atención a situacións de especial protección por violencia de xénero, acoso sexual e discriminación por razón de sexo, orientación ou identidade sexual; e as medidas transversais para integrar o principio de igualdade na organización.

O conxunto de medidas que conforman o plan integran a perspectiva de xénero promovendo a igualdade, impulsan a cultura da igualdade de oportunidades e incrementan a protección e a atención das situacións de especial vulnerabilidade.

Entre as mesmas, destacan as destinadas a facilitar o cambio de quenda por motivos relacionados coa conciliación; as referidas a actuacións específicas en caso de infrarrepresentación; a atención a traballadoras en situación de violencia de xénero ou a tolerancia cero ante casos de acoso laboral ou sexual.

Ademais, tamén se garante o dereito das persoas transexuais, tranxénero e intersexuais a ser identificadas na organización co nome e xénero co que se sinten identificadas; e recóllese a creación da figura dun responsable, por área sanitaria, en materia de igualdade e violencia de xénero.

Os obxectivos do I Plan de Igualdade para o persoal do Servizo Galego de Saúde son, por unha banda, promover a igualdade de xénero para acadar a igualdade real no trato e de oportunidades entre mulleres e homes e diminuír desigualdades e desequilibrios que, aínda sendo de orixe cultural e social, puidesen darse no Sergas. Tamén son obxectivos o de formar, informar e sensibilizar sobre igualdade de trato e oportunidades, e sobre as necesidades específicas das mulleres e os homes, así como o de vixiar de forma especial a discriminación indirecta, entendendo por esta, a situación na que unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutros, pon a unha persoa dun sexo en desvantaxe fronte a persoas do outro sexo.

A formación, un elemento fundamental

Durante o acto, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor o traballo participativo para o deseño deste plan que cualificou como “unha declaración firme coa igualdade de oportunidades”. Así, indicou que o documento rexeita calquera tipo de discriminación por razón de xénero e promove a igualdade laboral, a conciliación e a corresponsabilidade. Tamén destacou que “a formación é fundamental para acabar con situacións de vulnerabilidade por violencia de xénero, acoso sexual ou discriminación por razón da orientación ou identidade sexual”.
No eido da violencia de xénero, López Abella salientou que os profesionais da sanidade son “fundamentais” para conseguir o obxectivo de erradicar esta lacra social. Ao respecto, explicou que a proximidade e confianza que xeran os profesionais do ámbito sanitario, sobre todo da atención primaria, dan lugar a un contexto idóneo para poder localizar novos casos. “Detectar o primeiro sinal ou ter unha pequena sospeita de que a muller está a vivir unha situación de violencia de xénero pode supoñer un paso decisivo co que poñerlle fin”, engadiu.

Imaxes relacionadas