O Sergas publica as listaxes provisionais de admitidos e excluídos nas probas selectivas para o acceso a diversas categorías de persoal estatutario

Resultaron admitidas, con carácter provisional, un total de 7.149 persoas aspirantes para cubrir as 360 prazas que se ofertan

As prazas correspóndese coas categorías de logopeda, terapeuta ocupacional, cociñeiro, telefonista, pinche e persoal técnico de farmacia

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional de persoas admitidas e excluídas; así como o das persoas exentas do exercicio da lingua galega, nas probas selectivas para o acceso ás categorías de logopeda, terapeuta ocupacional, cociñeiro, telefonista, pinche, e persoal técnico de farmacia, para cubrir un total de 360 prazas, correspondentes ás ofertas acumuladas dos anos 2018, 2019 e 2020.

A categoría de pinche é a máis numerosa en número de prazas, ofertando 278, nas súas quendas de acceso libre, promoción interna, discapacidade xeral e discapacidade intelectual. O resto de prazas, distribúense entre as seguintes categorías: logopeda (4), terapeuta ocupacional (11), cociñeiro (24), telefonista (33), e persoal técnico de farmacia (10).

Na categoría de persoal técnico en farmacia, as 10 prazas ofertadas corresponden á quenda de acceso reservado ás persoas que acrediten discapacidade intelectual. Tamén se ofertan por esta quenda restrinxida de acceso 39 das 278 da categoría de pinche.

Nestas probas resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 7.149 aspirantes, resultando excluídas o 9,87 % das persoas inscritas.

Na categoría de pinche hay 4.792 persoas admitidas, 157 na de logopeda, 271 en terapeuta ocupacional, 426 en cociñeiro, 1.496 en telefonista e 7 en persoal técnico de farmacia -quenda discapacidade intelectual-.

O 16,48 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio, por non estar en posesión do Celga ou certificado acreditativo do coñecemento de galego correspondente.

Cómpre destacar que só un 2% das inscricións deste proceso, formalizáronse por persoas residentes en concellos de fóra da nosa Comunidade Autónoma. Ademais, preto do 40 % das persoas admitidas teñen menos de 40 anos, e o 76 % son mulleres.

Do mesmo xeito, exercen o seu dereito á promoción interna, solicitando participar por esta quenda de acceso, un total de 91 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde con vinculación fixa, e que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación.

As listaxes coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

As persoas aspirantes excluídas, e as non exentas do exercicio de lingua galega, ou aquelas persoas que non aparezan na listaxe, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 26 de xullo) contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, e mediante a que poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.

Ademais, fica habilitado o enderezo de correo electrónico no que as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es.

Imaxes relacionadas