Lete Lasa destaca a Rodrigo Corrales como o cumio de toda unha historia de tradición do balonmán en Galicia

Amosa o seu convencemento da convocatoria de Corrales para os Xogos de Toquio e asegura que o porteiro volverá a Galicia cargado de éxitos como volveu Begoña Fernández nos Xogos de Londres 2012

Vigo, 12 de xullo de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co porteiro galego do MKB Veszprém húngaro e da selección nacional de balonmán, Rodrigo Corrales, preseleccionado para os Xogos Olímpicos de Toquio.

Lete destacou a Rodrigo Corrales como a “punta do iceberg, o cumio de toda unha historia de fonda tradición do balonmán en Galicia”. Neste sentido, lembrou como na tempada 1996/1997 cando catro equipos da provincia de Pontevedra -Teucro, Octavio, Cangas e Chapela- coincidiron nunha das ligas máis importantes do mundo, a liga Asobal.

Toda esta bagaxe de tantos anos como unha potencia no balonmán tradúcese en éxitos como o mantemento do Cangas na primeira división nacional ou o ascenso do Club Balonmán A Cañiza feminino á Divisón de Honor Prata. Un legado que os máis pequenos tamén recollen como é o caso do Cisne que vén de proclamarse campión de España xuvenil de clubs.

O secretario xeral gabou a traxectoria internacional do gardameta cangués que xa conta con dous ouros europeos e un bronce mundial acadados coa selección española. Lete Lasa amosou o seu convencemento da convocatoria de Corrales para os Xogos de Toquio e asegurou que o porteiro volverá a Galicia cargado de éxitos como volveu Begoña Fernández nos Xogos de Londres 2012.

Imaxes relacionadas