A Xunta e o Eixo Atlántico colaborarán na posta en valor do legado cultural compartido da Gallaecia Romana

O organismo celebra unha reunión de traballo en Santiago coa participación da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e os alcaldes de Braga, Lugo e O Barco de Valdeorras

Abordouse a importancia da Vía Nova como itinerario cultural histórico na provincia ourensá
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia e o Eixo Atlántico colaborarán na posta en valor do legado cultural da Gallaecia romana, un patrimonio compartido por Galicia e Portugal que será obxecto de impulso a través da entidade que agrupa a concellos tanto da Comunidade galega como do país luso. Así se acordou hoxe nunha reunión de traballo celebrada na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, con representantes de diversas institucións.

O encontro supuxo unha primeira toma de contacto a partir da que buscar fórmulas de cooperación e liñas de traballo que desenvolvan esta planificación para reforzar o coñecemento e a difusión deste pasado compartido que se considera de interese polos axentes implicados.

Entre outros aspectos, abordouse a importancia da Vía Nova como itinerario cultural, algo que conta co compromiso das distintas partes. Como se indicou durante a xuntanza, trátase dunha ruta histórica que unía en época romana as cidades de Braga e Astorga ao longo de mais de 300 km.

Formaron parte da reunión o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Braga e presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río; a vicepresidenta da entidade e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, ademais do rexedor do Barco de Valdeorras, Alfredo García.

Todos coincidiron en reforzar os lazos de cooperación no eido cultural no marco do Eixo Atlántico, coa intención de poñer en valor dito legado. Dáse continuidade así ao traballo levado a cabo nestes anos para intensificar a cohesión económica, social e cultural a ambos lados da fronteira.

Imaxes relacionadas