A conselleira de Política Social visitou esta mañá o centro especial de emprego que a Fundación Xoán XXIII ten no concello de Marín

Fabiola García enxalza o poder transformador das persoas con discapacidade no camiño cara unha sociedade mellor

O proxecto Natura XXIII dá emprego a persoas con discapacidade no seu viveiro de árbores e plantas

Marín (Pontevedra), 12 de xullo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, enxalzou o poder transformador das persoas con discapacidade no camiño cara unha sociedade mellor. Esta mañá visitou o centro especial de emprego que a Fundación Xoán XXIII ten no concello de Marín e que permite dar emprego de calidade a persoas con discapacidade.

Fabiola García agradeceu á Fundación Xoán XXIII a súa colaboración por permitir que as persoas con discapacidade poidan ter un proxecto de vida, contar con máis autonomía e ter aspiracións persoais. O Goberno galego financia prazas de atención que esta entidade ten nos centros de día e ocupacionais de Cangas e Pontevedra.

Así mesmo, tamén colabora na sustentabilidade das vivendas e pisos tutelados que teñen na cidade de Pontevedra e na construción da nova residencia abrirán nesta mesma cidade. Un completo abano de servizos que fai desta entidade un aliado fundamental na procura dunha sociedade mellor.

A través do proxecto Natura XXIII, posto en marcha neste centro especial de emprego, a entidade puxo en marcha un viveiro de árbores e plantas que dá emprego a persoas con discapacidade. “Un proxecto que está transformando este lago” e que ten por obxectivo seguir creando novos servizos de xardinería, exposición ou venda de produtos.

Proxecto Natura XXIII

A Fundación Xoán XXIII leva a cabo a través do proxecto Natura XXIII un programa de actividades lideradas por persoas con discapacidade cos que poñe en valor a súa autonomía persoal. Durante o programa, os participantes contan con apoio laboral e social para levar a cabo diferentes labores. Entre as tarefas están a venda de plantas e artigos de xardinería a particulares e empresas, compoñer xardíns temáticos ou crear puntos de venda nos que artistas locais podan expoñer as súas obras para vendelas.

Imaxes relacionadas