A Xunta adxudica por 340.000 euros as obras de acondicionamento da estrada autonómica AC-110 no concello das Somozas

Os traballos comezarán no mes de agosto, co obxectivo de telos rematados neste mesmo ano

Actuarase para rectificar o trazado de curvas de radio reducido, mellorando a seguridade viaria e facilitando a circulación

A intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade complementarase con traballos de urbanización que acometerá o Concello cun investimento de 163.000 euros

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 340.000 euros as obras de acondicionamento do trazado da estrada autonómica AC-110 ao seu paso polo concello das Somozas.
A intervención, adxudicada á empresa Hordescon S.L., prevé o seu comezo no mes de agosto, co obxectivo de tela rematada neste mesmo ano.

As obras consistirán na modificación do trazado de dúas curvas consecutivas na contorna dos puntos quilométricos 11+500 e 11+700, de xeito que se facilite a circulación, así como a seguridade viaria para os veciños.

O proxecto recolle a construción de dúas estruturas, unha para salvar a diferenza de cotas entre a nova rasante e o terreo natural; e outra entre a nova rasante e a das beirarrúas naqueles puntos nos que esta está condicionada pola cota de acceso ás vivendas.

Ademais da calzada, reporanse as beirarrúas e empregarase un pavimento de formigón en cor reforzado con mallazo. Prolongarase, tamén, a drenaxe transversal no treito que se acondiciona.

A obra complementarase coa sinalización completa, tanto horizontal como vertical, da vía e incluirá os elementos de balizamento e defensas, alumeado público, canalización de telecomunicacións e reposición dos servizos municipais.

No seu conxunto, esta actuación suporá un investimento global próximo aos 500.000 euros, tendo en conta o pagamento dos 5 predios necesarios para a execución das obras. Ademais, a intervención complementarase con obras de urbanización que prevé acometer o Concello das Somozas, cun investimento de 163.000 euros.