O titular da Xunta, xunto co resto de presidentes autonómicos polos que pasa o Camiño Francés e o Camiño da Costa, acompañou hoxe ás SS.MM. os Reis no acto conmemorativo do Ano Xacobeo 2021-2022
Feijóo traslada o orgullo e a responsabilidade de acoller a rede social máis antiga, máis integradora e a que máis perdura ao longo dos séculos
Destaca que Galicia está preparada para que o Xacobeo 21-22 sexa o mellor da historia: “Somos un pobo diverso que quere seguir crecendo e dando a benvida. Neste dobre Ano Santo todos son benvidos e todos están invitados”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe o orgullo e a responsabilidade de acoller a rede social máis antiga, máis integradora e a que máis perdura ao longo dos séculos.
Durante o acto conmemorativo do Ano Xacobeo 21-22 no que acompañou, xunto co resto de presidentes autonómicos polos que pasa o Camiño Francés e o Camiño da Costa, ás SS.MM. os Reis, Feijóo aseverou que a Ruta Xacobea foi o primeiro recordatorio de que o instinto máis profundo do ser humano é convivir e compartir; “en suma, camiñar xuntos”.
Nesta liña, e ante un momento marcado pola pandemia, Feijóo afirmou que o Camiño volve emitir, desde Roncesvalles, Compostela ou calquera outra etapa navarra, castelán leonesa, aragonesa, rioxana ou cántabra, unha mensaxe de futuro: “Dinos que o destino o escriben os homes e as mulleres libres, cuxa fortaleza depende da unidade”, sentenciou.
Ademais de unir a quen o transita e aos pobos por onde discorre, o presidente da Xunta asegurou que o Camiño é, tamén, un logro compartido; “e a presenza neste acto das Súas Maxestades simboliza esa unidade que se plasma na Ruta Xacobea, e que quixésemos ver tamén reflectida no acontecer do noso país”, engadiu.
O responsable do Goberno galego concluíu subliñando que Galicia está preparada para que o Xacobeo 21-22 sexa “o mellor Xacobeo da nosa historia”. “Somos un pobo diverso que quere seguir crecendo e dando a benvida”, dixo, incidindo en que “neste dobre Ano Santo todos son benvidos e todos están invitados”.