O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na oitava edición da Alhambra Venture, o evento máis importante de investimentos para startups do sur peninsular

A Xunta destaca en Granada a aposta de Galicia polo emprendemento innovador como vía para a creación de emprego e a mellora competitiva

Subliña a posta en marcha de business factories nos eidos da automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood) e a aeronáutica (BFAero)

Pon en valor outras iniciativas como Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, que mobilizaron nos últimos catro anos máis de 35 millóns de euros; ou BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía que fomenta a innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes do sector biotecnolóxico

Granada, 12 de xullo de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá nunha nova edición da Alhambra Venture, o evento máis importante de investimentos para startups do sur peninsular, que se vén celebrando desde hai sete anos. Un escenario no que destacou a aposta da Xunta de Galicia polo emprendemento innovador como un dos factores diferencias tanto para a creación de emprego como para a mellora competitiva do tecido empresarial.

Neste sentido, Guldrís puxo en valor as distintas iniciativas que o goberno galego vén promovendo no ecosistema emprendedor da Comunidade, en particular a través da activación de business factories en distintos sectores da industria galega.

En concreto, a Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, ten en marcha business factories nos eidos da automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood) e a aeronáutica (BFAero).

O director do Igape subliñou que este tipo de iniciativas permite completar o ecosistema de innovación de sectores fundamentais da economía galega, integrando a emprendedores, empresas, e sistemas de coñecemento e I+D+i, coas administracións públicas e as entidades financeiras, ademais de favorecer a transferencia de tecnoloxía do ámbito académico e tecnolóxico ao tecido empresarial, avanzando así cara a consolidación da Industria 4.0.

Un escenario que se complementa con outras actuacións que a Xunta está a levar a cabo, como os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, que mobilizaron nos últimos catro anos máis de 35 millóns de euros; o Connect-19, programa especializado na comercialización de solucións innovadoras para a loita contra o impacto da covid-19; BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía que fomenta a innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes do sector biotecnolóxico; ou ViaGalicia, unha aceleradora de empresas que ten contribuído xa á definición de 193 proxectos e a aceleración de 79 startups.

Neste marco, o director do Igape agradeceu a invitación para participar na Alhambra Venture, “o mellor escenario posible para compartir o coñecemento xerado e atopar novos campos nos que colaborar e enriquecer o traballo de todos”.

Desde a súa posta en marcha no 2014, a Alhambra Venture ten permitido a análise de máis de 800 startups, facilitando investimentos a máis de 200 por un valor superior aos 40 millóns de euros.

O director do Igape tomou parte nunha mesa redonda centrada en ‘Como colaborar con outros ecosistemas de emprendemento’, na que tamén participaron Leyre Madariaga Gangoiti, directora xeral de Transformación dixital e emprendemento do goberno vasco, e Loreto del Valle, directora xeral de Economía Dixital da Junta de Andalucía.

Imaxes relacionadas