A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández- Tapias, supervisou hoxe as obras destas novas instalacións sanitarias

Ethel Vázquez subliña que o centro de saúde de Bouzas está executado en máis do 80% e entrará en servizo a finais do verán cun investimento da Xunta de case 1,4 M€

Vázquez Mourelle sinala que este centro de saúde terá capacidade de atender a preto de 10.000 usuarios que ata agora acoden aos ambulatorios de López Mora, Beiramar ou Navia

As instalacións teñen 2 andares e distribúense nunha casa pequena, reservada a vestiarios e sala de xuntas; e unha grande, con 3 consultas de medicina, 3 de enfermaría e unha sala polivalente

A estrutura e as cubertas xa están finalizadas e están pendentes os remates, pavimentos, a carpintería exterior e as instalacións de saneamento e fontanería, ademais do ascensor

Destaca que estas instalacións e o futuro Centro Integral de Saúde que a Xunta prevé construír no Olimpia Valencia contribuirán a seguir fortalecendo a atención primaria en Vigo

A conselleira remarca outros proxectos estratéxicos que a Xunta está a desenvolver na cidade como a estación de autobuses da intermodal ou a ampliación de Ifevi

Vigo, 12 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliña que o centro de saúde de Bouzas está executado en máis do 80% e entrará en servizo a finais do verán, tras un investimento da Xunta de case 1,4 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández- Tapias, e co xerente da Área Sanitaria, Javier Puente, supervisou hoxe as obras do novo centro de saúde, que terá capacidade de atender a preto de 10.000 usuarios da sanidade pública.

Salientou que o obxectivo é contar neste contorno cun centro de medicina xeral, que lles preste os servizos que agora reciben nos ambulatorios de López Mora, de Beiramar ou de Navia.

As instalacións constan de dous andares e están repartidas en dous volumes: a casa pequena, reservada a instalacións, vestiarios e sala de xuntanzas; e a grande, á que se accederá desde a Alameda e albergará tres consultas de medicina xeral, tres de enfermaría e unha sala polivalente.

Explicou que a intervención recupera o volume, as cubertas e certos elementos da imaxe da edificación orixinal, renovando os muros e habilitando un patio interior que mantén o oco da antiga parcela.

O proxecto tamén recupera a antiga galería, coherente coas galerías tradicionais do contorno do casco vello de Bouzas, o que permite contar cun soportal para o acceso e cunha vista sobre a alameda desde o primeiro andar.

Os traballos xa se atopan avanzados, con toda a estrutura finalizada, ao igual que as cubertas, só pendentes de remates, os pavimentos, a carpintería exterior e as instalacións de saneamento e fontanería, ademais do ascensor.

A conselleira precisou que están ao 90% de execución a fachada, a tabiquería e outras instalacións, como a climatización e a electricidade e seguen avanzando a pintura, os elementos de construción, ou a urbanización da parcela.

Puxo en valor que estas instalacións e o futuro Centro Integral de Saúde que a Xunta prevé construír no Olimpia Valencia contribuirán a seguir fortalecendo a sanidade pública de Vigo, poñendo o acento agora na atención primaria.

Lembrou que a Consellería de Infraestruturas xa impulsou melloras nos accesos dos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, en Vigo.


Ademais recordou que a Xunta está a desenvolver outros proxectos estratéxicos na cidade como a estación de autobuses da intermodal ou a ampliación de Ifevi.

Sinalou que o Goberno galego tamén ten trasladado o seu compromiso a executar as obras imprescindibles para minimizar o risco de inundacións na conca do río Lagares, así como as actuacións de saneamento en Teis, para as que existen proxectos e fondos, pero o Concello bloquea.

Imaxes relacionadas