A Xunta e o Colexio de Arquitectos colaboran para facilitar aos concellos acceso telemático aos documentos que requiren de visado colexial

Este novo servizo de interoperabilidade é o resultado dun convenio asinado o ano pasado entre o Goberno galego e o órgano de representación dos arquitectos

As administracións locais xa poden acceder directamente a un único arquivo con toda a documentación necesaria para as tramitacións urbanísticas e licencias que requiran destas certificacións, o que permitirá gañar axilidade e facilitará as xestións

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2021

A colaboración entre a Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) permite que nestes momentos a maioría dos concellos galegos xa poidan acceder de forma telemática á documentación que require de visado colexial e resulta necesaria para determinadas tramitacións urbanísticas e a xestión de licencias.

Este novo sistema foi desenvolvido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco dun convenio asinado en 2020 entre o COAG e o Goberno autonómico para establecer mecanismos de interoperabilidade entre o procedemento de tramitación telemática de traballos profesionais do Colexio e os procedementos de carácter urbanístico das diferentes administracións galegas.

Deste xeito, os sistemas de tramitación do COAG están agora conectados co nodo de interoperabilidade da Xunta pasaXe!, ao que poden acceder as entidades locais adheridas ao convenio entre o Estado e o Goberno autonómico para a prestación mutua de solucións básicas de administración electrónica —218 dos 313 concellos galegos—. Para poder facelo, os municipios deberán realizar un trámite de alta e enviar un formulario asinado electronicamente ao soporte técnico do portal Eido Local.

A documentación accesible por parte dos concellos contará coa conformidade do solicitante da licencia ou trámite urbanístico, así como dos técnicos redactores do traballo profesional vinculado. O sistema permite eximir ás persoas solicitantes da obriga que achegar a documentación, e bastará con que proporcionen na solicitude o código de descarga correspondente que lle foi proporcionado polo técnico redactor.

Será aplicable a todas as actuacións incluídas no catálogo de tramitacións de traballos profesionais do COAG relativas, entre outras cuestións, a edificación, obras ordinarias, derrubas, urbanización, planeamento, inspección técnica de edificios, certificados de eficiencia enerxética, informes periciais ou memorias.

O sistema facilita e simplifica a tramitación por parte da persoa solicitante e permite que a documentación poida ser supervisada nun único arquivo pdf de estrutura normalizada, independentemente do tamaño ou do número de documentos que a conformen.

Plataforma dixital urbanística

O convenio entre a Xunta e o COAG avanza no obxectivo de implantar unha Plataforma urbanística dixital de Galicia, de acordo coa Lei do solo. Para logralo, o acordo estableceu tamén a creación dun grupo de traballo do que forman parte técnicos do ámbito tecnolóxico con coñecementos de urbanismo.

Cómpre lembrar que a Xunta puxo en marcha pasaXe! en 2014 para a obtención de informacións das persoas ou empresas elaborada pola Administración dun xeito sinxelo, seguro, centralizado e con respecto á privacidade.

O nodo de interoparabilidade pasaXe! inclúe tramitacións da propia Xunta, da Administración xeral do Estado e de organismos como a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Dirección Xeral da Policía, a Dirección Xeral do Catastro, a Dirección Xeral de Tráfico, o Instituto Cervantes, o Imserso, o INSS, o Instituto Nacional de Estatística, Muface, Sepes, a Seguridade Social, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, así como as oficinas tributarias de outras comunidades.