Preto de 23.000 escolares participaron nos programas didácticos dos equipamentos culturais da Xunta

O Goberno galego ofreceu este curso unha programación para estudantes adaptada á pandemia grazas ao uso das novas tecnoloxías e os formatos en liña

Estas iniciativas permitiron que as exposicións e actividades dos museos chegasen ás aulas sen necesidade de que o alumnado se desprazase

Ofreceuse un amplo abano de posibilidades que ía desde as visitas guiadas en liña ás exposicións dos museos, ás retransmisión vía streaming de obras teatrales, tours didácticos polo legado arqueolóxico ou obradoiros de creación cinematográfica

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

Preto de 23.000 escolares participaron nos programas didácticos organizados pola Xunta nos seus equipamentos culturais ao longo do curso 2020/2021. Trátase dunha programación que, adaptada á situación da pandemia, permitiu que o alumnado se achegase ás exposicións e actividades dos centros museísticos e dotacións culturais do Goberno galego sen necesidade de desprazarse e saír das aulas na maioría dos casos.
Así, grazas ao uso das novas tecnoloxías e os formatos en liña, a Xunta continuou ofrecendo unha programación de calidade aos centros educativos mediante percorridos virtuais, videoconferencias e recursos dixitais que se complementou coa posta en marcha do Plan Proxecta. Esta iniciativa, na que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade traballa en colaboración con diferentes organismos, está dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros. No caso concreto deste curso, activouse o programa Patrimonio e museos para fomentar unha colaboración estreita entre a comunidade educativa e o museo e promover a participación dos escolares nos centros museísticos.

En concreto, neste curso, preto de 10.000 alumnos de toda Galicia gozaron das visitas online ás exposicións da Cidade da Cultura afondando no legado da Xeración Nós, na figura de Díaz Pardo ou no traballo dos artistas internacionais e galegos que integran a mostra Os brancos segredos do seu ventre.

Neste marco, a exposición que espertou maior interese é a de Faraón. Rei de Exipto, con máis de 2.700 escolares nas visitas comentadas en liña desde o Museo Centro Gaiás. A mostra chegou á Cidade da Cultura da man da Fundación ”la Caixa” e o British Museum –en colaboración coa Xunta de Galicia e no marco do Xacobeo 21-22– con 140 pezas da colección do prestixioso museo británico.

Moda, creación actual e historia

Outra das exposicións que foi obxecto de interese pola comunidade escolar galega este curso foi Vestir Épocas 1860-1960, do Museo de Belas Artes da Coruña, que acadou máis de 1.300 visitas didácticas en liña dirixidas ao alumnado de 4º ESO e Bacharelato para achegarlles a historia da moda co apoio de contido audiovisual. Ademais, este centro, no marco do Plan Proxecta, tamén acolleu a iniciativa O mar na arte, o arte do mar para estudar diferentes enfoques plásticos e abordar a relación entre o mar e a colección do museo

Entre a proposta para este curso está tamén a do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que reactivou o seu programa didáctico con sesións online e presenciais en xaneiro acadando preto de 2.000 visitas que achegaron a arte aos centros educativos e estimular o interese das novas xeracións na creación artística actual.

Desde o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, tamén se ofreceu este curso un amplo abano de actividades virtuais para os centros escolares coas que coñecer tanto o seu o museo como o centro arqueolóxico do Areal Salinae, no que se ofrece un interesante percorrido pola historia da única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano. A oferta da que desfrutaron preto de 2000 alumnos complétase con diferentes recursos para coñecer, investigar e visitar o complexo.

O programa didáctico para escolares da Xunta complétase coas actividades ofrecidas nos museos Massó, Etnolóxico, de Ribadavia, do Viño de Galicia e das Peregrinacións e de Santiago que acadaron, no seu conxunto, máis de 1.000 visitas. No primeiro deles, ademais, púxose en marcha o proxecto Atesoura o teu patrimonio industrial: o forno do cal de Santo Adrán de Cobres mentres que o museo compostelán acolleu a iniciativa Dos gremios ós obradoiros: O I+D+I ó longo do tempo. Ambas propostas encádranse no programa Patrimonio e museos para fortalecer o vínculo entre os museos e centros educativos.

Legado arqueolóxico

A divulgación entre os escolares é tamén un dos piares fundamentais nos centros dedicados á arqueoloxía como o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Campo Lameiro e de Lansbrica, o Museo Arqueolóxico de Ourense ou o Museo do Castro de Viladonga que obtiveron preto de 2.500 visitas. Todos eles contaron cun plan de adaptación fronte á covid-19 que lles permitiu seguir coa súa habitual oferta de actividades para escolares garantindo a máxima seguridade durante a visita. Deste xeito, ofrecéronse desde tours didácticos ata contacontos e actividades para descubrir a vida baixo terra.

Teatro e audiovisual

Entre as opcións didácticas propostas polo Goberno galego están tamén as que se ofertan desde as dotacións da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). Así, o Centro Dramático Galego adaptouse ao contexto sanitario para ofrecer visitas virtuais ao Salón Teatro e ofrecer retransmisións das súas pezas vía streaming. Estas iniciativas sumaron este curso máis de 3.000 participantes.

A Filmoteca de Galicia, pola súa banda, conta cunha área de didáctica centrada na formación de novos públicos e na posibilidade de contribuír a un maior coñecemento do labor de recuperación, restauración e difusión do patrimonio cinematográfico do centro. Así, o principal obxectivo da súa proposta educativa é coordinar accións que permitan achegarse ao cinema como arte e coñecemento e xerar oportunidades de descubrir o cine e vencellarse con el. Para iso, contan cos programas Cinema en curso e Fotografía en curso nos que fotógrafos e cineastas traballan conxuntamente cos docentes e acompañan os procesos de creación do alumnado ao longo de todo o curso escolar. En conxunto, participaron máis de 500 estudantes, 33 docentes e 13 centros de toda Galicia.

Imaxes relacionadas