A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron o convenio para impulsar esta actuación

A Axencia Galega de Infraestruturas e o Instituto de Estudos do Territorio colaboran na implantación dun sistema dixital para a xestión das estradas da Xunta

Desenvolverase un visor xeográfico con datos das vías, partindo da situación actual e recollendo a progresiva dixitalización e a estruturación da información das estradas

Trátase de dispoñer dunha ferramenta unificada, que aglutine toda a información xeográfica das estradas, representando un instrumento útil para o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas

Este sistema suporá tamén un punto de consulta de información para os cidadáns que simplificará os seus trámites co organismo xestor das estradas de titularidade autonómica

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, colaborarán na implantación un sistema dixital para optimizar a xestión da rede de estradas de titularidade da Xunta.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron un acordo de colaboración para levar a cabo as actuacións necesarias.
O obxectivo é desenvolver un visor xeográfico corporativo coa información da rede de estradas autonómicas que se atope dispoñible en cada momento, partindo da situación actual e avanzando segundo se vaian realizando os traballos de dixitalización e estruturación de datos das vías.
Trátase de dispoñer dunha ferramenta unificada, que aglutine toda a información xeográfica das estradas autonómicas, representando tamén un instrumento de traballo útil para o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas.
Ademais este mecanismo suporá un punto de consulta de información para o conxunto da cidadanía, que poderá simplificar os seus trámites co organismo xestor das estradas de titularidade da Xunta de Galicia.


Compromisos


En canto aos compromisos recollidos no convenio, a Axencia Galega de Infraestruturas asume as tarefas de planificar, organizar e impulsar os traballos e estudos obxecto deste acordo, así como facilitar a información para desenvolver o visor.
A Axencia Galega de Infraestruturas tamén colaborará na notificación dos erros existentes na cartografía base oficial da Xunta con respecto á rede de estradas e trasladará ao Instituto de Estudos do Territorio a información xeográfica actualizada con periodicidade anual das accións realizadas que poidan repercutir nas vías.
O Instituto de Estudos do Territorio asumirá os compromisos de asesoramento e apoio aos traballos de análise e planificación no eido da información xeográfica correspondentes a infraestrutura viaria.
Tamén coordinará a información necesaria para a planificación así como a difusión dos datos mediante un visor xeográfico.

Dixitalización e innovación na xestión integral das estradas autonómicas

A Xunta está a impulsar a dixitalización e a innovación na xestión integral das estradas autonómicas. A finais de xuño licitou dous contratos para avanzar na Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de estradas de Galicia, cun investimento de preto de 1,8 millóns de euros.
O obxectivo é poñer á disposición dos cidadáns unha gran cantidade de información, mellorando a transparencia, optimizando os recursos da administración e aforrando custos e tempo nas tramitacións administrativas.
Para iso integraranse todos os datos e sistemas informáticos da Axencia Galega de Infraestruturas, o que permitirá poñer á disposición dos cidadáns información estruturada, mellorando os tempos de xestión ás persoas e optimizando os recursos da administración.

Imaxes relacionadas