Galicia lidera a captación de fondos nas axudas do CDTI para centros tecnolóxicos de excelencia

Aimen, Anfaco-Cecopesca, o Clúster de Acuicultura de Galicia, o Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) obteñen máis de 5 millóns de euros dos 19,3 concedidos provisionalmente nas axudas destinadas a centros tecnolóxicos de excelencia “Cervera”

O obxectivo destes apoios pasa por fomentar a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento entre centros tecnolóxicos e empresas en áreas temáticas específicas e tecnoloxías prioritarias
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2021

Galicia lidera a captación de fondos nas axudas do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) destinadas a apoiar a investigación dos centros tecnolóxicos de excelencia Cervera. En concreto, son cinco os centros tecnolóxicos da Comunidade que suman en total máis de 5 millóns de euros dos 19,38M€ concedidos provisionalmente (un 26%) e, a través desta convocatoria, fináncianse 5 proxectos, nos cales as entidades galegas participan en catro deles e lideran dous.


A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destaca que esta convocatoria evidencia o traballo que están a realizar os centros tecnolóxicos galegos, que contan coa colaboración da Administración autonómica. En concreto, o centro Aimen, do Porriño, participa na Rede Cervera de tecnoloxías robóticas en fabricación intelixente; Anfaco-Cecopesca lidera a Rede de excelencia aplicada á innovación e desenvolvemento de solucións para o control de enfermidades infecciosas en produción acuícola na que participa tamén o Clúster de Acuicultura de Galicia; o Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG) lidera o proxecto Cooperación Estratéxica para a investigación en tecnoloxías para a mobilidade autónoma e conectada de alta seguridade en entornos complexos; e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participa no Consorcio Cervera para o liderado da I+D+i en intelixencia artificial aplicada.


Estas axudas do CDTI, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, están enmarcadas no Programa Estatal de Xeración do Coñecemento e Fortalecemento Científico e Tecnolóxico do Sistema de I+D+i e o seu obxectivo –compartido pola Xunta de Galicia– é fomentar a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento entre centros tecnolóxicos e empresas en áreas temáticas específicas e tecnoloxías prioritarias. Así mesmo, persegue incrementar as capacidades destas entidades na xeración de tecnoloxías estratéxicas mediante traballo en rede que favoreza a colaboración con diferentes axentes, especialmente empresas.


En total, presentáronse á convocatoria 31 programas estratéxicos de I+D nos que participan 60 centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación de toda España.

 

 

PROXECTO
CENTRO TECNOLÓXICO
AXUDA

Rede Cervera de tecnoloxías robóticas en fabricación intelixente

Aimen
(líder do proxecto)

760.478 €

Rede de excelencia
aplicada á innovación e desenvolvemento de solucións para o control de enfermidades infecciosas
en produción acuícola

Anfaco
(líder do proxecto)

1.228.592 €

Clúster de Acuicultura
(participante)

899.932 €

Cooperación Estratéxica
para a investigación
en tecnoloxías para a mobilidade autónoma e conectada de alta seguridade en entornos complexos

 

CTAG
(participante)

 
1.398.664 €

Consorcio Cervera para
o liderado da I+D+i en intelixencia artificial aplicada

ITG
(participante)

758.335 €
TOTAL

5.046.001 €


 

Imaxes relacionadas