A Xunta forma a unha trintena de gandeiros no control mecánico das malas herbas na produción de millo forraxeiro en ecolóxico

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, a través Axencia Galega da Calidade Alimentaria, foi o encargado de levar a cabo o curso

O curso tivo como obxectivo dar a coñecer novas técnicas de produción forraxeira, que permitan a eliminación das malas herbas por medio de procedementos mecánicos sen utilizar produtos fitosanitarios
 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2021

A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), vén de organizar esta semana unha xornada de formación sobre a identificación de oportunidades no control de herbas adventicias -comunmente coñecidas como malas herbas- na produción forraxeira ecolóxica, que tivo lugar na finca de produción ecolóxica “A Sobreira”, do concello de Boimorto.

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude foi o encargado de levar a cabo este curso, no que se fixo unha xornada demostrativa sobre a eliminación das malas herbas nos cultivos de millo forraxeiro en ecolóxico e no cal participaron unha trintena de gandeiros. Así, esta acción formativa tivo como obxectivo dar a coñecer novas técnicas de produción forraxeira, que permitan a eliminación das malas herbas a través de procedementos mecánicos e sen a utilización de produtos fitosanitarios.

Estes procedementos mecánicos de control de herbas adventicias resultan de grande interese para a produción ecolóxica de forraxes. Ademais, atendendo aos requisitos e ecoesquemas da nova PAC, tamén serían atractivos para a produción convencional de millo forraxeiro, xa que a eliminación mecánica das malas herbas permitirá un uso máis sostible dos fitosanitarios.

Agacal, dentro do plan de formación continua 2021 e a través da formación non regrada, traballa para contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector tanto agrícola como forestal a nivel técnico e económico mediante a oferta de distintos cursos de formación coma este.
 

Imaxes relacionadas