A Xunta recibe máis de 120 ofertas para o servizo de transporte escolar dos vindeiros dous cursos

O procedemento, dividido en 57 lotes, avanza coa presentación das propostas dos licitadores que prestarán servizo a 424 centros educativos por máis de 93M€

O Goberno autonómico continúa blindando este servizo en centros públicos de xeito gratuíto primando o benestar do alumnado e as melloras nas condicións laborais dos traballadores
 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia recibiu un total de 124 ofertas para levar a cabo o servizo de transporte escolar nos vindeiros dous cursos 2021/2022 e 2022/2023. A contratación, que conta cun investimento de máis de 93M€, garante unha maior eficiencia na prestación dos servizo para as rutas de 424 centros de ensino dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Coa presentación das ofertas, avanza procedemento o aberto polo Goberno autonómico para garantir un servizo de transporte escolar de calidade e que atenda ás necesidades do alumnado. O contrato, impulsado pola da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, divídese en 57 lotes para atender as distintas zonas de Galicia.

A licitación suporá que o alumnado siga gozando do servizo primando o benestar, para o que as empresas darán servizo en 1.586 rutas e ata 11.553 paradas. Incluirá, ademais, melloras nas condicións laborais dos condutores e acompañantes do servizo, dando cumprimento ao acordo asinado con todas as organizacións sindicais e tamén establecen maiores garantías de estabilidade laboral do persoal e para as empresas.

Cos avances no expediente de contratación, a Xunta continúa blindando este servizo a centros públicos de toda Galicia de xeito gratuíto, tendo en conta que Galicia é a Comunidade con maior rede de transporte escolar e concentra o 21,6% do gasto de España. A día de hoxe a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xestiona o 47% das rutas de transporte escolar de Galicia, mentres que o resto das rutas pasaron a ser xestionadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade trala entrada en funcionamento do Plan de Transporte Público de Galicia, que supuxo a implantación da nova modalidade de transporte público, coñecida como o autobús compartido.