O conselleiro do Medio Rural, José González, participou na entrega de premios da XXII Cata oficial dos viños de Valdeorras

A Xunta destaca o seu compromiso a prol do sector do viño con medidas como a Estratexia sectorial ou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

José González destacou na súa intervención o carácter, a diversidade e a calidade dos viños galegos en xeral, e dos de Valdeorras en particular e advertiu que o sector vitivinícola goza dunha posición e dun recoñecemento claves dentro e fóra de Galicia

O Barco de Valdeorras (Ourense), 9 de xullo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas de Galicia da Xunta como unha “planificación económica, territorial e turística, mostra da necesaria unión de diferentes esforzos a prol dun sector clave”. Sinalou ademais que esta estratexia representa a “aposta clara” do Goberno galego e “o noso compromiso a prol dos 10.000 viticultores e das case 500 adegas do sector vitivinícola da comunidade”.

O conselleiro fixo estas valoracións no acto de entrega de premios da XXII Cata oficial dos viños de Valdeorras, organizada polo Consello Regulador desta Denominación de Orixe e que tivo lugar esta noite no Barco de Valdeorras.

José González destacou na súa intervención o carácter, a diversidade e a calidade dos viños galegos en xeral, e dos de Valdeorras en particular e advertiu que “o sector vitivinícola galego goza dunha posición e dun recoñecemento claves dentro e fóra de Galicia”.

Sobre a devandita estratexia de dinamización, o conselleiro indicou que conta cun orzamento de máis de 700.000 euros para reforzar toas as dimensións deste eido produtivo “mantendo os estándares de calidade, impulsando a internacionalización e innovando para afrontar retos como a remuda xeracional e o cambio climático”.

A maiores, o titular de Medio Rural puxo en valor as diferentes liñas de axuda do seu departamento para o sector, con especial fincapé ao préstamo vendima, que -recalcou- “permitiu que a colleita da campaña do 2020 estivera en liña coa media do último decenio e que, de ser preciso, volverá ser activada neste ano 2021”.

En parecidos termos, o conselleiro referiuse tamén á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e aos beneficios que reportará para o sector do viño. Neste sentido, mencionou a ordenación do rural que facilitará esta norma, así como a diminución do grao de parcelamento ou o fomento da remuda xeracional e o rexuvenecemento deste eido. Todo isto, engadiu, “baixo as premisas de recuperación e de prevención, un dobre beneficio que reverte no asentamento da poboación no rural, na creación de actividade económica e na protección das persoas e dos seus bens fronte os lumes”.


DO Valdeorras


A Denominación de Orixe Valdeorras conta cunha superficie inscrita de 1.103 hectáreas, onde traballan máis dun millar de viticultores e 41 industrias. No pasado ano, colleitáronse máis de 5.500 toneladas de uva que supuxeron un valor económico superior aos 22,7 millóns de euros.
Esta zona amparada para a produción de viño con denominación de orixe Valdeorras localízase no nordeste da provincia de Ourense e abarca os concellos de O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.