O conselleiro do Medio Rural participou na clausura da reunión do padroado da Fundación Arume, que tivo lugar no Pazo de Quián

A Xunta salienta a importancia da colaboración público-privada para a posta en valor do sector agrario a través da Lei de recuperación da terra

José González destacou a utilidade desta norma para mobilizar terreos forestais baixo as premisas de recuperación e de prevención

Amosou a disposición de Medio Rural a impulsar tratamentos preventivos nos montes privados fronte a banda marrón do piñeiro, na liña dos xa realizados en montes de xestión pública

Apostou pola silvicultura das frondosas e puxo en valor tamén o proxecto de Xestión Forestal Sostible dos montes galegos que opta aos fondos Next Generation

Trasladou que se está a tramitar un convenio con esta mesma Fundación para o impulso á mellora xenética dos piñeirais, a través da xestión forestal activa, que estará dotado con algo máis de 200.000 euros
 

Boqueixón (A Coruña), 9 de xullo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, salientou hoxe a importancia da colaboración público-privada para impulsar a posta en valor do sector agrario a través da Lei de recuperación da terra. Fíxoo na clausura da reunión do padroado da Fundación Arume, que se desenvolveu esta mañá no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón).

José González salientou a cooperación entre a Xunta e esta Fundación no eido forestal, no marco da manifestación de interese de proxectos autonómicos promovida pola Consellería para o sector primario galego. Neste contexto, Arume presentou unha iniciativa relacionada coa restauración e capitalización de montes galegos. En concreto, Arume opta a captar fondos para a restauración, nun período de cinco anos, de 12.000 hectáreas de terreo forestal dedicadas á produción de madeira de coníferas e frondosas.

Ademais, o conselleiro destacou que se está a tramitar un convenio con esta mesma Fundación para o impulso á mellora xenética dos piñeirais, a través da xestión forestal activa, que estará dotado con algo máis de 200.000 euros. Deles, a Consellería achegará máis do 70% dos fondos, co fin de desenvolver o marco común de colaboración para apoiar ao sector forestal de Galicia neste eido.

Lei de recuperación da terra

Neste sentido, o titular de Medio Rural puxo en contexto esta colaboración co marco que establece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Lembrou que este texto introduce ferramentas de mobilización como son as aldeas modelo, os polígonos agrogandeiros e forestais e as agrupacións de xestión conxunta. Estas últimas -indicou o conselleiro- son especialmente acaídas para a superficie forestal e favorecen a posta en valor da terra baixo as premisas de recuperación e de prevención, defendendo ás persoas e aos seus bens de posibles incendios. A maiores, sinalou González, esta lei permite abordar de xeito decisivo a problemática dos encravados sen dono localizable, que dificulta a xestión de instrumentos existentes na actualidade, como poden ser as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).

Por outra banda, o conselleiro referiuse tamén á importancia da colaboración público-privada en materia de sanidade forestal e loita contra as pragas. Nesta liña, falou da preocupación do sector sobre a posible entrada en Galicia da chamada banda marrón, que afecta os piñeiros. Así, amosou a disposición da Consellería a impulsar tratamentos preventivos nos montes privados, especialmente na provincia de Lugo, na liña dos xa realizados en montes de xestión pública. A maiores, González anunciou que se está a ultimar unha declaración para facilitar eses tratamentos e avanzou que se asumirá un compromiso económico ao respecto, sempre que se conte coa implicación dos particulares no que se refire á dispoñibilidade dos terreos.

Noutra orde de cousas, o conselleiro referiuse tamén ao plan de acción das frondosas e trasladou que a Xunta considera imprescindible o impulso da silvicultura do carballo como un mecanismo de valorización desta especie. Por iso, dixo, traballarase “de xeito decidido” na xestión profesional destas masas a través da figura do silvicultor activo, reforzando ao tempo a súa protección co rexistro de masas consolidadas, de recente creación.

Plan forestal

Todo isto, trasladou González, no contexto do Plan Forestal de Galicia, un documento que contou coa máxima participación do sector e que contempla un orzamento de 4.900 millóns de euros coa multifuncionalidade, a valorización, a biodiversidade, a bioeconomía, a dixitalización e a descarbonización como obxectivos estratéxicos irrenunciables.

Cara o futuro, o conselleiro puxo en valor tamén o proxecto de Xestión Forestal Sostible dos montes galegos que opta aos fondos Next Generation, un proxecto que cualificou como “moi ambicioso” e que pechará o ciclo de produción do sector forestal en Galicia. Para iso, engadiu, proponse a creación dunha biofábrica de fibras téxtiles a partir da celulosa soluble da madeira, que permita diversificar un sector estratéxico para Galicia, con todas as implicacións que isto ofrece para a nosa comunidade e, nomeadamente, para o sector, remarcou o conselleiro.

José González rematou a súa intervención chamando a continuar xerando sinerxías por parte dos axentes sociais, económicos e ambientais interesados, como os que forman parte da Fundación Arume. E salientou que “esta implicación de empresas privadas e da industrial forestal de Galicia fomentará a activación da política forestal dos próximos vinte anos”.

Imaxes relacionadas