O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, reuniuse en Mos con representantes e técnicos municipais da provincia

A Xunta asesora a 24 concellos pontevedreses na aplicación das directrices da paisaxe

Mos (Pontevedra), 9 de xullo de 2021

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou esta mañá a 24 concellos da provincia de Pontevedra a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llo trasladou a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Mos, Fornelos de Montes, O Porriño, Redondela, Tui, Gondomar, Mondariz, Nigrán, Mondariz Balneario, Baiona, O Covelo, Tomiño, A Cañiza, Oia, Crecente, O Rosal, Arbo, A Guarda, As Neves, Salceda de Caselas, Soutomaior, Vigo, Ponteareas e Salvaterra do Miño no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no auditorio Pazo de Mos.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva catro meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel municipal o contido e finalidade das Directrices. Neste sentido, Francisco Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.

A Xunta pon en valor este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

Imaxes relacionadas