Política Social salienta a necesidade de ofrecer formación integral a pequenos e maiores das familias en risco de exclusión para favorecer a igualdade de oportunidades

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, fixo entrega dos diplomas acreditativos aos participantes nun curso da Fundación Juansoñador de Lugo

O Goberno galego achega 560.000 euros para a posta en marcha de distintos programas, para a adquisición de materiais e para reformas nos centros
 

Lugo, 9 de xullo de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a Fundación Juansoñador, que traballa formando e educando integralmente ás persoas que se atopan nunha situación de exclusión. Arturo Parrado subliñou o labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan no coidado dos que están a pasar por unha situación complexa e máis tras este ano de pandemia. Neste senso, puxo en valor a necesidade de instruír á sociedade do futuro pero tamén á dos maiores para poder ofrecerlles oportunidades sen importar a súa idade.

Na visita, Arturo Parrado fixo entrega de diplomas ás persoas que realizaron o curso de aprendizaxe da lingua galega enmarcado na formación para inclusión, un programa financiado pola Xunta de Galicia, que colabora con esta Fundación achegando un total de 560.000 euros para a posta en marcha de distintas iniciativas e para a adquisición de materiais formativos. Ademais, aproveitou para percorrer as instalacións do centro, onde coñeceu as aulas de apoio escolar, as zonas de xogos, ou as de atención e orientación sociolaboral para as familias.

O director xeral de Inclusión Social puxo en valor a aposta do Goberno galego por axudar ás persoas máis vulnerables a realizar o seu proxecto de vida e para isto, que se reflicte na achega prevista na convocatoria de axudas 2020-2022 da Xunta de Galicia para a Fundación JuanSoñador, que ascende a 400.000 euros. Esta axuda permitirá á entidade acometer a reforma interior dos centros, así como financiar programas destinados a aprendizaxes de lingua castelá e galega e novas tecnoloxías, entre outras materias. Ademais desta cantidade, tamén recibiron outros 160.000 euros a través da liña de axudas do 0,7 do IRPF, e que se investiron en iniciativas para persoas inmigrantes e para persoas sen fogar.

Imaxes relacionadas