A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou na presentación en Camariñas desta iniciativa, que agrupa dez municipios da bisbarra

A Xunta apoiará o programa de dinamización territorial e turística Explora 10 na Costa da Morte

Inés Santé salientou que os principais obxectivos deste proxecto encaixan coa filosofía da Consellería do Medio Rural, no sentido de aproveitar e potenciar os recursos do territorio -neste caso vencellados ao deporte- para fomentar o seu desenvolvemento

Camariñas (A Coruña), 9 de xullo de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá en Camariñas na presentación do programa Explora 10. Neste acto, trasladou a intención da Consellería do Medio Rural de apoiar esta iniciativa, na que están implicados dez concellos da Costa da Morte: Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

O proxecto céntrase na promoción e ordenación do territorio para a práctica deportiva no medio rural desta bisbarra, así como o seu fomento como destino turístico saudable e seguro. Entre os seus obxectivos están os de unir o territorio mediante un proxecto común de impulso á actividade deportiva, xerar oferta de ocio e deporte saudable para residentes e visitantes e promover a sustentabilidade medioambiental e a transformación socio-económica do territorio. A directora xeral salientou que estas finalidades encaixan coa filosofía da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no sentido de aproveitar e potenciar os recursos do territorio para fomentar a súa dinamización, en todos os ámbitos. Trátase ademais -sinalou Santé- de sumar sinerxías entre diferentes eidos, como poden ser o deporte, a natureza ou o turismo, para contribuír a estes fins.

O proxecto Explora 10 contempla iniciativas como a de conectar os concellos implicados mediante unha gran travesía en bicicleta todo terreo (BTT); o desenvolvemento de actividades acuáticas, caso da vela, o piragüismo, o surf, o caiac ou as travesías a nado; a posta en valor da escalada ou a creación dun circuíto de carreiras populares, entre outras accións. Ademais, proxéctase unha ferramenta tecnolóxica que facilite e promocione a actividade deportiva da poboación local e dos visitantes, de forma que cada municipio participante dispoña dun mapa interactivo das súas principais propostas de plans activos dentro do seu territorio.