A Xunta eloxia o traballo do Centro de Información á Muller de Palas de Rei que desde 2009 atendeu a máis de 800 mulleres e 5.000 consultas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe o Centro de Información á Muller (CIM) de Palas de Rei

O dispositivo traballa na atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás persoas delas dependentes, e desenvolve actuacións de sensibilización en prol da igualdade de xénero

O de Palas de Rei é un dos once CIM da provincia de Lugo e da servizo a este concello e á cidadanía de Antas de Ulla, Friol, Guntín, Monterroso e Portomarín

Palas de Rei (Lugo), 9 de xullo de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe o Centro de Información á Muller (CIM) da localidade luguesa de Palas de Rei, que atendeu desde 2009 máis de 5.000 consultas e a máis de 800 persoas.

O CIM, un dos once cos que conta na actualidade a provincia luguesa, presta atención tamén ás localidades de Antas de Ulla, Friol, Guntín, Monterroso, e Portomarín.

Tal e como subliñou na visita a secretaria xeral, os CIM desenvolven un papel de relevancia na prevención da violencia de xénero, na atención ás vítimas e para a concienciación social en prol da igualdade, que acada inda máis incidencia no caso das contornas rurais.

O CIM de Palas de Rei atendeu desde 2009 atendeu a 808 persoas e un total de 5.072 consultas. A maior parte destes contactos referíronse a cuestións de asesoramento xurídico (2.131 consultas), atención psicolóxica (1.770), atención a vítimas de violencia de xénero (149), orientación para o emprego (179), divulgación de cursos, xornadas e actividades (693) e outras informacións (2).

López Abella quixo valorizar o traballo diario do persoal destes centros, que no ámbito da violencia de xénero ofrecen recursos de prevención, información, asesoramento e loita en xeral contra a violencia de xénero. Estes dispositivos tamén atenden ás mulleres vítimas da violencia de xénero, e ás fillas e fillos e ás persoas dependentes delas coa intención de reducir o impacto negativo que a situación de violencia supón para elas.

“Os CIM, como este de Palas de Rei, outorgan unha intervención global dirixida ás mulleres, de carácter permanente e proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral”, incidiu a secretaria xeral na visita.

Os Centros de Información á Muller priorizan, por outra banda, a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social, ao igual que a persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e ás súas familias e achegados.

A Xunta vén de resolver, por outra banda, as axudas destinadas a entidades locais para o desenvolvemento de iniciativas para previr, promover e tratar a violencia de xénero, destinando 3,9 millóns de euros en 2021 e 2022 para apoiar o financiamento dos postos de traballo dos CIM e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. Cerca de 84.000 euros corresponderon ao centro de Palas de Rei.

Galicia conta na actualidade con 84 centros nas catro provincias (11 en Lugo, 29 na Coruña, 17 en Ourense e 27 en Pontevedra) que recibiron da Xunta case 27 millóns de euros nos últimos 7 anos para garantir a atención a unha media de 9.100 mulleres ao ano. Por medio dos mesmos,191 concellos resultan beneficiarios dos seus servizos, acadando ao 81% da poboación total de Galicia.

‘Xogando en vacacións’

A secretaria xeral da Igualdade aproveitou a visita a Palas de Rei para coñecer previamente de primeira man o programa de conciliación Xogando en vacacións no que participan 90 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.

A iniciativa recibiu este ano apoios da Xunta por valor de 14.490 euros e facilita a conciliación da vida persoal, laboral e familiar nos períodos de vacacións escolares, organizando programas de lecer para os menores da localidade.

Imaxes relacionadas