A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha reunión co presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, e con membros da xunta directiva

A Xunta amplía ata 650.000 euros os incentivos á compra de taxis adaptados e de baixas emisións tras incrementar as axudas en 300.000 euros

Ethel Vázquez informa da publicación hoxe no DOG do incremento do orzamento das axudas para a adquisición de vehículos adaptados á mobilidade reducida, eléctricos e híbridos ou de gas, incentivando a renovación da flota

As subvencións son de 10.000 euros para o caso de compra de taxis adaptados, de 6.000 euros para os de cero emisións e de 4.000 euros para os de baixas emisións

A iniciativa da Xunta permitirá atender 27 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 105 para taxis ECO e 11 para coches de cero emisións

O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto ata o vindeiro mes de novembro

A Xunta leva investido preto de 3 M€ de euros desde 2016 nestes incentivos, que xa facilitaron a compra de 375 vehículos de taxi

A Coruña, 9 de xullo de 2021.-

A Xunta amplía ata os 650.000 euros os incentivos á compra de taxis adaptados e de baixas emisións tras incrementar as axudas en 300.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, e con membros da xunta directiva.

Vázquez Mourelle explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o incremento no orzamento das axudas do ano 2021, destinadas á adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, os eurotaxis, e para taxis eléctricos e híbridos ou de gas coa fin de facilitar a mobilidade coa menor contaminación posible.

Trátase da ampliación da convocatoria, publicada o DOG o pasado 3 de febreiro e dotada cun investimento de 350.000 euros, que se incrementa cunha partida de outros 300.000 euros, polo que Xunta pon á disposición deste colectivo unha partida total de 650.000 euros.

Detallou que para responder á demanda, esta nova convocatoria pretende atender ás necesidades reais dos profesionais do taxi e facilitarlles a adquisición deste tipo de vehículos.

Unha vez efectuada esta ampliación de crédito, a iniciativa da Xunta permitirá atender 27 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 105 para taxis ECO e 11 para coches de cero emisión.

As subvencións son de 10.000 euros no caso de compra de taxis adaptados, de 6.000 euros para os de cero emisións e de 4.000 euros para os de baixas emisións.

O prazo de solicitudes destas axudas continúa aberto nos termos da convocatoria inicial, subvencionando a adquisición de vehículos desde o comezo do mes de abril do ano pasado e ata o vindeiro mes de novembro, ou ata o esgotamento do crédito.

A conselleira fixo fincapé en que a Xunta leva desde o ano 2016 poñendo ao servizo do sector do taxi estes incentivos para a adquisición de vehículos adaptados. Nestas subvencións, a administración autonómica ten investido ata o momento case 3 millóns de euros, e xa facilitaron a renovación de 375 vehículos de taxi.

Imaxes relacionadas