A Xunta destina 77.000 euros a executar obras de mellora no CEIP Rosalía de Castro, en Bóveda

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se reformaron estancias como a biblioteca e unha aula de infantil e proximamente renovaranse as instalacións da cociña

Bóveda (Lugo), 9 de xullo de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 77.000 euros ás obras de mellora que se están a executar nos últimos meses no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Rosalía de Castro, en Bóveda.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro para comprobar os traballos rematados, e anunciou que proximamente dará comezo a reforma da cociña, onde se substituirán as instalacións de gas, fontanería e saneamento ademais dos acabados de paredes e chan.

A Consellería instalou un baño no interior dunha aula de Educación Infantil e ampliou a biblioteca. Así mesmo, cambiou as ventás das fachadas este e oeste por outras con mellor illamento que resultan máis eficientes dende o punto de vista enerxético. Igualmente, habilitou unha rampla para mellorar a accesibilidade ao colexio.

Arias confirmou que se están valorando novas intervencións no colexio para os vindeiros meses. Ao respecto, lembrou que o Goberno galego está a desenvolver o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que avanza no obxectivo de habilitar centros de ensino máis sustentables e respectuosos co medio ambiente, e incorpora outras leccións extraídas da pandemia da covid-19.

O plan contempla seis eixos de actuación: O encaixe dos centros no espazo urbano, o seu aspecto exterior, os espazos de socialización, a distribución interior, o establecemento de polos creativos (espazos maker) e a eficiencia enerxética.

Imaxes relacionadas