A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que se actualizará a ferramenta de ordenación

A Xunta apoia a Negreira con máis de 125.000 € no seu obxectivo de sumarse á listaxe de concellos con PXOM

Ángeles Vázquez salienta que o Goberno galego achegará un 90% do orzamento necesario para redactar o Plan xeral

Anima ao rexedor a traballar con rigor e constancia para acadar a meta que xa superaron 111 municipios galegos: contar cun planeamento urbanístico actualizado e acorde á normativa vixente
 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde de Negreira, Ángel Leis, o apoio do Goberno galego para que se sume á listaxe de concellos con Plan xeral de ordenación municipal (PXOM).

A conselleira e o rexedor asinaron esta tarde o convenio de colaboración polo que a Xunta se compromete a financiar o 90% do orzamento necesario para redactar o PXOM, un total de 126.522 euros. Ángeles Vázquez indicou que esta colaboración non só se restrinxe ao ámbito económico, senón que se estende á oportunidade de manter un contacto permanente e directo coa Dirección Xeral de Ordenación do Territorio para resolver todas as dúbidas que se presenten ao longo deste camiño.

Deste xeito, animou ao alcalde de Negreira a traballar con rigor e constancia e recordou que tras a sinatura do convenio, o Concello xa pode licitar o contrato para a redacción do PXOM e superar así o primeiro escollo para acadar o principal obxectivo: contar cun Plan xeral de ordenación municipal actualizado e acorde á normativa vixente.

Cómpre lembrar que foi no ano 1999, hai 22 anos, cando se acadou a aprobación definitiva do PXOM do Concello de Negreira, adaptado á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, que posteriormente foi derrogada pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Ademais, o PXOM en vigor tampouco é acorde á actual normativa, pois na actualidade rexe a Lei 1/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, unha circunstancia que tamén xustifica a redacción dun novo documento.

A conselleira e o rexedor coincidiron en que esta colaboración ten interese público, xa que se ofrecerá aos cidadáns unha maior seguridade xurídica no referido á normativa urbanística reguladora dos seus inmobles, ao adaptarse un documento obsoleto á lexislación vixente.

O convenio de colaboración establece catro anualidades que se farán efectivas a medida que a entidade local acredite a superación das mesmas. Así, a primeira poderá aboarse este mesmo ano, en canto o Concello firme o contrato de redacción; a seguinte (2022) será coa entrega do borrador e do documento inicial; a terceira (2023) coincidirá coa certificación da aprobación inicial; e a última (2024) dividirase en dous pagamentos: o momento no que se certifique a aprobación provisional polo órgano municipal e cando se acade a aprobación final por parte da Consellería.

Por último, a conselleira subliñou que a subvención de plans xerais de ordenación municipal é unha das liñas de actuacións da Xunta para conseguir que os concellos galegos conten cun planeamento urbanístico actualizado e acorde á normativa vixente, situación na que xa se atopan 111 municipios.
 

Imaxes relacionadas