O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, desprazouse ata a provincia de Lugo para visitar dúas explotacións de porco celta

A Xunta reafirma o seu compromiso coa promoción da raza autóctona porco celta e a mellora das súas explotacións

A Xunta ratifica a súa aposta pola preservación desta raza autóctona por medio de accións como a achega de 123.438 euros a unha destas explotacións para o financiamento dun programa de avaliación do porco celta

O director xeral destacou a importancia de apoiar ao sector co fin de aumentar a rendibilidade e modernizar as súas explotacións con subvencións como a recibida pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta, dunha dotación de 20.000 euros

José Balseiros resaltou o investimento da Xunta de 43,25 millóns de euros para a modernización das explotacións e o fomento do relevo xeracional, dos que se beneficiarán máis de 1.200 explotacións agrogandeiras
 

Friol (Lugo), 8 de xullo de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, vén de visitar dúas explotacións gandeiras da raza autóctona de porco celta situadas nos concellos lugueses de Friol e Vilalba. Precisamente, unha delas recibirá unha subvención a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) dotada dun total de 123.438 euros, co fin de financiar un programa de avaliación do porco celta. O obxectivo principal desta achega é favorecer a selección e mellora xenética para garantir a continuidade desta raza autóctona galega.

Así, a Xunta ratifica o seu compromiso con este tipo de explotacións e a conservación desta raza por medio de accións como a achega dun total de 20.000 euros á Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), co fin de aumentar a rendibilidade das súas explotacións e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal, asegurou o director xeral.

José Balseiros destacou que en total o investimento ao abeiro destas axudas foi de 200.000 euros, co obxectivo de mellorar os sistemas produtivos agrarios e de calidade, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas, dos pastos e mesmo na anticipación aos incendios forestais.

Así mesmo, o director xeral resaltou a aposta que mantén a Xunta pola modernización das explotacións e o fomento do relevo xeracional con outras subvencións como as que se revolverán proximamente para a execución de plans de mellora, o desenvolvemento de pequenas explotacións e a incorporación de mozos á actividade agrogandeira, dotada dun importe global de 43,25 millóns de euros. Estas achegas pretenden acadar o rexuvenecemento da poboación activa agraria de máis de 1.200 explotacións, con especial consideración cara ás mulleres, e co fin último de fixar a poboación no rural.

Imaxes relacionadas