Axentes medioambientais inspeccionaron hoxe a zona para levantar acta dos feitos

Medio Ambiente paraliza de forma cautelar as obras do Concello de Cangas na praia de Rodeira pola posible afección a unha especie ameazada

No lugar onde se están a desenvolver os traballos existen exemplares de xesta de Ons, un tipo de arbusto incluído no Catálogo galego de especies ameazadas

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de ordenar a paralización cautelar dos traballos de explanación que se están a executar estes días na praia urbana de Rodeira, en Cangas, e que afectan a unha superficie importante do areal.

A decisión adóptase no marco da investigación aberta pola Xefatura Territorial de Pontevedra co fin de determinar se estas obras, promovidas polo Concello, afectan a un arbusto incluído no Catálogo galego de especies ameazadas. Trátase, en concreto, da Cytisus Insularis, comunmente coñecida como xesta de Ons.

Precisamente, axentes medioambientais pertencentes ao distrito de Pontevedra-Morrazo desprazáronse esta mañá ata Rodeira para facer unha inspección in situ e levantar a correspondente acta administrativa, da que se derivarán as medidas oportunas, sen descartar a posibilidade dun expediente sancionador.

Cómpre precisar que esta praia, localizada en pleno núcleo urbano de Cangas, non está incluída en Rede Natura 2000, motivo polo que, nun principio, non sería necesaria autorización ambiental por parte da Xunta para levar a cabo os traballos.

Non obstante e ante a posible afección a unha especie herbácea catalogada como sensible, a Consellería de Medio Ambiente decidiu ordenar unha inspección e decretar a paralización das obras como medida cautelar e ata que finalice a investigación.