O Sergas e os Colexios Farmacéuticos asinan o protocolo para a expedición de certificados Covid nas oficinas de farmacia

Dende hoxe mesmo, pódense solicitar os certificados de vacinación, de proba diagnóstica e de recuperación

Esta colaboración dos farmacéuticos súmase a outras que veñen realizando ao longo da pandemia como a entrega de o ano pasado de máscaras a persoas con baixos ingresos ou a xestión das mostras de saliva para a realización de PCR por pooling
 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

O Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos das catro provincias galegas, asinaron hoxe o protocolo de actuación para a expedición dos certificados covid. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou en representación do Sergas, mentres que os presidentes dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Coruña, Héctor Castro Bernardino; Lugo, Alejandro María Sánchez-Pérez Mel; Ourense, Santiago Leyes Vence; e Pontevedra, Alba María Soutelo Soliño, fixeron o propio.

Grazas a esta colaboración do Sergas e os colexios farmacéuticos, os cidadáns que así o precisen poden solicitar nas oficinas de farmacia, dende hoxe mesmo, a expedicións dos certificados covid de vacinación, de proba diagnóstica e de recuperación.

O obxecto do presente protocolo é o de artellar a coordinación necesaria para a expedición dos certificados covid interoperables de vacinación, co obxecto de facilitar o seu acceso ás persoas que non dispoñan dos medios telemáticos necesarios para o seu acceso ou que carezan dos instrumentos ou habilidades para a súa obtención polas canles habilitadas institucionalmente.

Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida,ao que se suman outros factores como os da dispersión e a fenda dixital, o que pode supoñer atrancos para a poboación de idade á hora de acceder a determinadas utilidades ou servizos en soporte dixital. Neste sentido as oficinas de farmacia poden servir para facilitar o acceso da poboación a utilidades relacionadas directamente coa súa saúde, ademais da prestación farmacéutica propiamente dita, como xa se ten constatado durante a pandemia a través da contribución realizada no acceso da poboación á subministración de máscaras, ou na realización de test para a detección de covid, coa xestión de mostras de saliva para realizar PCR por pooling.

Imaxes relacionadas