A Xunta concedeu 12 axudas na comarca de Santiago ao sector agrícola de máis de 180.000 € para impulsar o uso de enerxías renovables e a eficiencia enerxética

A Xunta ampliou este ano ata os 3,7 M€ as axudas para reducir os custos enerxéticos e para mellorar a competitividade deste tipo de explotacións

Desde o inicio desta liña en 2017, e con esta nova resolución, a Administración apoiou case un millar de iniciativas con preto de 11,5M€ en Galicia

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta cunha liña aberta de 1,67 M€ para apoiar á implantación de tecnoloxía eficiente nas explotacións agropecuarias
 

Frades (A Coruña), 8 de xullo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a finca Canedo en Frades, unha das beneficiarias, o ano pasado, polo conxunto de axudas que puxo a Xunta a disposición do sector agrícola co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e tamén o uso das enerxías renovables nas explotacións agropecuarias galegas. Os apoios permitiron que 13 granxas da comarca recibiran no 2020 máis de 180.000 euros. En Frades contaron con estas achegas 4 granxas por un importe total de máis de 76.000 euros.

O delegado da Xunta informou que a convocatoria deste ano contou cunha ampliación ata os 3,7M€ co obxectivo de atender un maior número de solicitudes. Esta ampliación permitiu apoiar un total de 420 proxectos. En concreto destaca a fotovoltaica con 386 iniciativas, seguido da biomasa con 10 proxectos, sete actuacións de minieólica, tres bombas de calor xeotérmicas e outras tres de aerotermia, ademais de 11 proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

A novidade desta convocatoria foi a de fomentar as axudas en explotacións agrarias que carecesen delas e nas situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se tiveron en conta os datos do IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos.

A Xunta convocou por primeira vez en 2017 esta liña específica de proxectos renovables para este sector e, desde entón e contando con esta convocatoria, son xa preto de 1000 iniciativas con axudas de case 11,5M€ en toda Galicia.

Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética

A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta tamén cun total de 1,67M€ procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética que se destinarán a unha convocatoria de apoio á implantación de tecnoloxía eficiente nas explotacións agropecuarias que reduza o consumo inicial en polo menos un 10%.

As axudas, de concorrencia non competitiva, poden destinarse á mellora da eficiencia enerxética das instalacións de regadío –substitución de grupo de bombeo por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético; implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos; implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega; ou instalación e substitución de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, por exemplo–. Agárdase apoiar ao redor de 60 actuacións.

Tamén se poden utilizar para a mellora enerxética e uso de enerxías renovables nas explotacións, como por exemplo actuacións sobre a envolvente térmica; nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; substitución da enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas; ou a reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior, entre outras.

A axuda máxima por proxecto será de 1M€ e poderán optar a elas tanto as persoas físicas como xurídicas titulares dunha explotación gandeira; as comunidades de regadores e outras organizacións; os titulares de explotacións agrícolas de regadío; organizacións ou asociacións de produtores agrícolas; comunidades de enerxías renovables e comunidades cidadás de enerxía; así como empresas de servizos enerxéticos.

Con estas liñas de axudas o Goberno galego, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pretende seguir fomentando os investimentos en proxectos de aforro enerxético no sector agropecuario, así como impulsar o uso de enerxías renovables. Deste xeito, redúcense os custos enerxéticos mellorando a competitividade deste tipo de explotacións á vez que diminúe o consumo de enerxías convencionais, o que aumenta a eficiencia enerxética e a mellora medioambiental das áreas rurais. Así tamén se contribúe á revitalización do ámbito rural e do sector agrícola primario, un dos seus principais motores económicos.

Imaxes relacionadas