A Xunta achega máis de 2,7 millóns de euros á Asociación Galega de San Francisco para mellorar a atención terapéutica e ocupacional das persoas con discapacidade intelectual

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá a sede da entidade, situada en Vigo

Vigo, 8 de xullo de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe a Asociación Galega de San Francisco (AGASFRA), cuxa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas que teñen algunha discapacidade intelectual. A Xunta de Galicia destina a esta entidade máis de 2.770.000 euros para mellorar a atención residencial terapéutica diúrna e ocupacional, para o transporte da residencia e para sufragar as prazas públicas, entre outros fins.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade puxo en valor durante a súa visita o labor fundamental que realizan as entidades que teñen como obxectivo facer prosperar ás persoas con discapacidade intelectual tanto a nivel persoal como na contorna laboral. Ademais, fixo fincapé na importancia prestar unha atención axeitada ás familias, xa que son os piares fundamentais sobre os que se asentan e que tamén precisan de apoio e asesoramento.

A Asociación Galega de San Francisco traballa diariamente no desenvolvemento das posibilidades das persoas con discapacidade, creando e fomentando a igualdade de oportunidades. Ademais da achega de máis de 2 millóns de euros, a entidade recibiu na liña de axudas do 0,7 do IRPF máis de 6.000 euros para levar a cabo un proxecto de equipamento dos centros.