O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron un encontro por videoconferencia co alcalde deste municipio ourensán

A Xunta e o Concello de Paderne de Allariz proxectan a implantación dun polígono agrario e a posta en valor de soutos ao abeiro da Lei de recuperación

No caso do polígono, o Goberno galego está iniciando o proceso para investigar a titularidade das 317 parcelas implicadas cunha superficie total de 43,46 hectáreas, para axilizar a súa posta a disposición dos gandeiros que se beneficiarán da iniciativa

No que se refire aos soutos, Xunta e Concello analizarán a mellor fórmula para a súa recuperación, que podería ser outro polígono ou unha agrupación de xestión conxunta, tamén contemplada na Lei que entrou en vigor a finais do pasado mes de maio

A maiores, na xuntanza tratouse a mellora de camiños municipais da localidade mediante iniciativas como o Plan Marco, ao abeiro do cal Paderne de Allariz ten consignados máis de 30.000 euros para os exercicios de 2021 e 2022

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

A Xunta e o Concello de Paderne de Allariz proxectan a implantación dun polígono agrario e a posta en valor de soutos ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, na reunión por videoconferencia que mantiveron o conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, co alcalde desta localidade ourensá, José Manuel Fernández, avanzáronse as distintas fórmulas que permitirán aumentar a base territorial a disposición dos produtores de Paderne de Allariz.

No caso do polígono, o conselleiro do Medio Rural comunicou que se está iniciando o proceso para investigar a titularidade das 317 parcelas implicadas cunha superficie total de 43,46 hectáreas, co obxectivo de axilizar o seu uso por parte dos gandeiros que se beneficiarán da iniciativa.

No que se refire aos soutos, o Concello de Paderne de Allariz busca recuperar unha zona situada ao norte da localidade. Unha vez concretada toda a superficie a poñer en valor, ambas administracións analizarán se procede executar un segundo polígono -neste caso, forestal- ou se é preferible apostar por unha agrupación de xestión conxunta, figura tamén contemplada na Lei de recuperación.

A maiores, na xuntanza telemática tratouse a posibilidade de arranxar diversas infraestruturas rurais do municipio. Nesa liña, cabe lembrar que Paderne de Allariz ten consignados máis de 30.000 euros ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.