A Xunta apoia ao concello da Lama na adquisición dun vehículo para labores medioambientais e na mellora do saneamento do lugar de Laxedo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o municipio, que recibiu unha achega de máis de 85.000 euros para estas actuacións en favor do medio ambiente

O Goberno galego financiou estas melloras ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, que na convocatoria deste ano conta con 11 millóns de euros
 

A Lama (Pontevedra), 8 de xullo de 2021.- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello da Lama, ao que a Xunta apoiou na adquisición dun vehículo destinado aos servizos municipais encargados da protección do ambiente e do espazo natural e que tamén se beneficiou dunha achega para a mellora do saneamento no lugar de Laxedo.

O Goberno galego investiu máis de 85.000 euros nas axudas destinadas no ano 2020 ao Concello da Lama ao abeiro do Fondo de Compensación ambiental, unha liña que o Goberno galego renovou este ano e pola que destina 11 millóns de euros para financiar nos concellos iniciativas dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.


A Lama recibiu algo máis de 20.000 euros para a adquisición dun vehículo pick up destinado á protección do medio ambiente e do espazo natural. Hai que ter en conta que o municipio, con máis de 111 quilómetros cadrados, é un dos máis extensos da provincia de Pontevedra, polo que as brigadas municipais precisan de maquinaria e equipamento axeitado para as labores ambientais. Ademais, o concello conta cunha ampla zona catalogada dentro da Rede Natura 2000.


Por outra banda, a Administración local levou a cabo obras de mellora na rede de saneamento e na rede de recollida de augas pluviais en varias rúas do lugar de Laxedo, traballos que precisaban dunha actuación urxente pola súa repercusión na calidade de vida dos veciños e no propio medio ambiente. Esta actuación contou cunha achega de máis de 65.000 euros na liña de axudas de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.


O concello da Lama recibiu nos últimos anos máis de 1,4 millóns de euros das diferentes liñas de axudas da Administración autonómica para colaborar coas entidades locais na procura de melloras na calidade de vida da veciñanza.
 

Imaxes relacionadas