A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitou a zona e mantivo un encontro de traballo cos alcaldes involucrados na iniciativa

A Xunta pon de relevo o potencial do xeoparque do Cabo Ortegal para dinamizar e xerar riqueza nos sete concellos coruñeses implicados

Inés Santé destacou as posibilidades que ofrece para crear actividade económica e fixar poboación na contorna este proxecto, incluído no Pacto de Estado por Ferrol promovido pola Xunta de Galicia para darlle un pulo á comarca

Así mesmo, concordou cos rexedores na oportunidade de implicar ao grupo de desenvolvemento rural Asociación Seitura 22 para que colabore na iniciativa

O Xeoparque do Cabo Ortegal presentou a súa candidatura aos Xeoparques mundiais da Unesco e está á espera de informe do Comité Nacional de Xeoparques

No proxecto participan os concellos coruñeses de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche e Cerdido
 

Cariño (A Coruña), 8 de xullo de 2021.- A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro de traballo cos alcaldes dos sete concellos coruñeses implicados no Xeoparque do Cabo Ortegal, unha iniciativa que presentou a súa candidatura aos Xeoparques mundiais da Unesco e que actualmente se atopa á espera de informe do Comité Nacional de Xeoparques. A reunión cos rexedores de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche e Cerdido produciuse na propia zona que aspira a ser recoñecida pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.

Alí, Inés Santé puxo de relevo o potencial da iniciativa para dinamizar a contorna creando nova actividade económica que contribúa a fixar poboación. Nesa liña, apuntou que a Consellería do Medio Rural sempre estará ao carón de proxectos deste tipo, que apostan por novos xeitos de xerar riqueza no noso rural.

Cabe apuntar que o Xeoparque do Cabo Ortegal foi incluído no Pacto de Estado por Ferrol promovido polo Goberno galego para fomentar a recuperación económica da comarca. Para levalo a cabo, a directora xeral concordou cos rexedores na oportunidade de implicar tamén ao grupo de desenvolvemento rural Asociación Seitura 22 para que colabore na iniciativa, dado que o seu ámbito de actuación son os municipios das bisbarras do Eume, Ferrolterra e Ortegal, ademais dos concellos de Miño e Vilarmaior.

O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal comprende uns 630 Km² de territorio e algo más de 28.000 habitantes distribuídos en 57 parroquias e 1.211 entidades de poboación. Tomando como base a xeoloxía, as estratexias asociadas á iniciativa perseguen a diversificación da actividade económica na contorna e o aproveitamento planificado non só dos recursos da zona senón tamén da innovación, tendo como base firme a sustentabilidade.

Con parte do Xeoparque integrado no Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, cabe sinalar que o territorio conta con 52 Lugares de Interese Xeolóxico catalogados, cinco deles de relevancia internacional, por mor da presenza de rochas e formacións únicas producidas polo lento proceso de nacemento e posterior desaparición da gran Cordilleira Varisca e polo movemento das placas tectónicas. A peculiaridade desta área reside en que ten na superficie rochas que habitualmente se encontran no Manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade.
 

Imaxes relacionadas