O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiron á Comisión sectorial de Agricultura

Galicia demanda de novo ao Estado que se teñan en conta as súas peculiaridades na aplicación da PAC e pide, xunto coas autonomías do cantábrico, transparencia sobre as propostas

Considera que a proposta actual do Ministerio, tal como está concibida neste intre, non defende os intereses dos gandeiros e agricultores galegos e traslada a súa vontade negociadora para mellorala

Xunto co resto de comunidades cantábricas, avoga porque se teñan en conta as particularidades da España húmida, fronte á orientación “mediterránea” do Ministerio

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

Galicia insiste en reclamar o que xustamente lle corresponde na defensa lexítima dos intereses dos seus agricultores e gandeiros con respecto á aplicación da futura PAC. A nosa comunidade e o resto dos territorios da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) demandan de xeito conxunto ao Goberno central que se teñan en conta as peculiaridades da España húmida á hora de desenvolver esta política, fronte á orientación “mediterránea” que vén amosando o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Neste sentido, a delegación galega lembrou que xa se lle trasladaron ao Ministerio en varias ocasións os documentos de consenso da defensa que realiza a Cornixa.
Así se fixo hoxe na Comisión sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, á que asistiron, en representación de Galicia, o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Nicolás Vázquez, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Alí trasladaron que para Galicia a proposta actual do Ministerio, tal como está concibida neste intre, non defende os intereses dos gandeiros e agricultores galegos e tenderon a man para negociala, co obxecto de mellorala.
Como cuestión previa, neste encontro a delegación galega demandou, dende a lealdade ao Goberno Central, e recoñecendo o esforzo realizado polo ministro nas negociacións, unha maior transparencia por parte do MAPA á hora de explicar as súas propostas sobre a PAC. Os representantes da Xunta lembraron que Galicia prestou apoio institucional ao Estado durante todo o proceso e demandan continuar negociando en beneficio do sector primario galego.

Demandas de Galicia

Neste sentido, Galicia solicitou ao Ministerio o mapa completo das rexións PAC que se propoñen na aplicación da futura PAC a nivel español xa que ata o de agora só se dispón das rexións de cada comunidade. A Xunta considera imprescindible coñecer este deseño, así como os datos detallados para cada rexión, tanto de número de dereitos, hectáreas elixibles e importe asignado como da distribución dos dereitos segundo a súa contía inicial en 2023.
A maiores, a postura de Galicia -que hoxe se reafirmou- e do resto de comunidades cantábricas pivota sobre a defensa dun modelo de axudas directas que dea prioridade ás pequenas e medianas explotacións profesionais e que atenda á realidade do norte de España. Isto recóllese na configuración da PAC para o próximo período no pago redistributivo co que se pretende beneficiar ás pequenas e medianas explotacións fronte as máis grandes e, neste ámbito, os representantes da Xunta defenden que o pago redistributivo tería que atender á dimensión media por explotación a nivel nacional, redistribuíndo fondos en favor das explotacións que están por debaixo desa media. Pola súa banda, o Estado pretende que o pago redistributivo se aplique por rexións agronómicas e, debido á falta de datos, non se pode facer a simulación para calcular o que lle correspondería a Galicia. Neste sentido, a nosa comunidade xa advertiu que ese sistema non cumpriría o postulado por Europa e prexudicaría os intereses dos agricultores e gandeiros galegos.
Así, Galicia tamén se amosa preocupada pola orientación “mediterránea” que está seguindo o Ministerio respecto da futura PAC, en particular no que atinxe a aspectos como os ecoesquemas. Por iso, demandan a inclusión de novos ecoesquemas adicionais aos propostos polo MAPA, máis adecuados para a España húmida.
Outro aspecto relevante é a necesidade de que se contemple un trato equitativo na definición das superficies con dereito ao cobro da PAC, para o futuro período de aplicación destas políticas. Así, advírtese que o Estado propón ampliar esta superficie no conxunto do territorio nacional a novos cultivos. Deste xeito, ampliaríase a cultivos de viñedos, froitos e hortalizas, que se localizan fundamentalmente no sueste español. Para Galicia, esta cuestión supón un agravio, na medida en que a nosa comunidade é a que ten menos superficie admisible con dereitos de cobro da PAC entre as principais rexións agrarias de España.
No relativo á definición de agricultor activo, Galicia defende que as axudas vaian a aqueles cunha dependencia significativa dos seus ingresos agrarios. Ademais, en relación coas axudas asociadas, para a Xunta é prioritario que se manteñan para os sectores de vacún de leite, de carne e ovino-cabrún, cunha dotación polo menos semellante ao período 2014-2020.
Sobre a limitación das axudas por explotación, as comunidades da Cornixa Cantábrica veñen demandando que se aplique un tope máximo de 60.000 euros. Tendo en conta o contido final do Regulamento, a petición é que se reduzan nun 85% as axudas entre 60.000 e 100.000 euros, e o 100% por riba de 100.000 euros. Hai que recordar que só 74 explotacións galegas superan a cifra de 60.000 euros, dos preto de 26.000 perceptores galegos da PAC.
A Comisión sectorial de Agricultura continua esta tarde, onde se debaterán as propostas do segundo piar, relativo ao desenvolvemento rural. Neste eido, Galicia e a Cornixa Cantábrica defenden que o deseño se faga por cada comunidade autónoma, en función da súa realidade, establecendo os elementos comúns a nivel estatal cun enfoque de “abaixo a arriba”. Así mesmo, en relación co cofinanciamento, reclámase que se recupere o equilibrio entre as achegas do Estado e as das comunidades autónomas, que se rompeu no actual período.

Imaxes relacionadas