O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron un encontro co alcalde deste municipio pontevedrés

A Xunta e o Concello de Vilanova de Arousa proxectan a implantación dun polígono de viñedo ao abeiro da Lei de recuperación para abastecer a DOP Rías Baixas

Na xuntanza tratouse a posibilidade de apostar por esta figura no lugar de Ponte Arnelas, tras ter amosado a denominación de orixe interese en dúas zonas desta localidade

A maiores, abordáronse os traballos que se levarán a cabo ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais, en virtude do cal se investirán este ano preto de 50.000 euros neste municipio, aos que hai que sumar outros case 36.000 euros do Plan Marco

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

A Xunta e o Concello de Vilanova de Arousa proxectan a implantación dun polígono de viñedo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Foi unha das conclusións da reunión que mantiveron o conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, co alcalde desta localidade pontevedresa, Gonzalo Durán, acompañado do tenente de alcalde, Javier Tourís.

Así, na xuntanza tratouse o interese amosado pola denominación de orixe Rías Baixas en dúas zonas de Vilanova de Arousa para ampliar a superficie de plantación de vide amparada por este selo de calidade. En concreto, na xuntanza fíxose especial fincapé nas posibilidades que ofrece o lugar de Ponte Arnelas para dar resposta ás necesidades produtivas desta DOP. Nesa liña, Xunta e Concello acordaron analizar agora a delimitación da zona que daría forma a este polígono agrario centrado no viñedo.

A maiores, na reunión abordáronse os traballos que se levarán a cabo en Vilanova de Arousa ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), que ten consignados este ano preto de 50.000 euros para levar a cabo diversas obras neste municipio pontevedrés. Cómpre engadir que este concello ten programados outros case 36.000 euros dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.

Imaxes relacionadas