A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a parcela na que está previsto construír a instalación

A Xunta licita a nova planta de transferencia de residuos de Curtis por 1,36 M€ co obxectivo de que entre en funcionamento o próximo verán

A intención é substituír a actual microplanta por outra nova de maior capacidade e que ademais da bolsa negra, tamén poida tratar a amarela e os biorresiduos

Trátase dunha das 17 infraestruturas previstas polo Goberno autonómico para apoiar ás entidades locais no cumprimento dos obxectivos da UE en xestión de residuos

Ángeles Vázquez subliña que máis de 2,1 millóns de galegos disporán dunha planta de compostaxe ou dun centro de transferencia a menos de 50 km do seu domicilio

Curtis (A Coruña), 7 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia acaba de licitar por un orzamento base de 1,36 millóns de euros o contrato para a construción dunha nova planta de transferencia de residuos no concello de Curtis coa intención de que poida entrar en funcionamento o próximo verán.

Durante unha visita esta mañá ao polígono de Teixeiro, onde se localizará a futura instalación, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que o obxectivo é substituír a microplanta actualmente existente neste concello por unhas novas instalacións con máis capacidade de tratamento e unha maior funcionalidade xa que poderá recibir e xestionar diferentes tipoloxías de residuos .

Proxectada nunha parcela de case 8.000 m2, a futura planta dará servizo inicialmente aos concellos de Sobrado e Vilasantar ademais de ao de Curtis, aínda que o seu uso poderá estenderse a outros municipios —ata un total de 15— xa que ten unha capacidade de transferencia máxima de preto de 17.000 toneladas ao ano.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a Unión Europea fixou para finais de 2023 a obriga para os concellos de ter implantada a recollida selectiva dos chamados biorresiduos a través do quinto contedor, o de cor marrón. Por este motivo e para axudar aos entes locais a avanzar cara a este obxectivo, a Xunta está a impulsar distintos proxectos e infraestruturas que faciliten o cumprimento dos criterios comunitarios de eficiencia, sostibilidade e eficacia en materia de xestión de residuos.

Precisamente, Ángeles Vázquez explicou que a planta que acaba de saír a licitación forma parte da “rede” proxectada pola Xunta para garantir que “un total de 280 concellos e máis de 2,1 millóns de galegos” dispoñan dunha instalación de compostaxe de biorresiduos ou dunha planta de transferencia a menos de 50 km.
En canto ás características da futura instalación, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, explicou que contará cunha nave de 600 m2, unha zona verde duns 1.300 m2 e os seguintes elementos: un compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento de contedores, un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén, e varios paneis solares para autoconsumo da planta, fomentando así as enerxías renovables xa que será a fonte principal da que se fornecerán as instalacións.

Toda esta dotación permitiralle transferir, ademais dos residuos contidos na bolsa negra —é dicir, a convencional, na que non hai separación e a única que pode recibir a día de hoxe a microplanta de Curtis—, aqueles depositados no contedor amarelo —envases de plástico, latas e briks procedentes da recollida selectiva— e a fracción orgánica que se recolla a través do contedor marrón, residuos que, neste caso, serán enviados posteriormente á planta de compostaxe de Cerceda, xestionada por Sogama.

Pola súa parte, o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, destacou que grazas a esta actuación “se mellorarán os servizos” que presta o concello e ademais “suporá un abaratamento” dos custos. “Por iso temos o compromiso coa Consellería e con Sogama de colaborar para facer realidade unha infraestrutura que é vital para dar cobertura a estes servizos e mellorar a xestión local, que para nós é prioritario”, declarou.

35 millóns comprometidos

En total, a Xunta de Galicia ten previsto actuar en 17 instalacións dedicadas á xestión e tratamento de residuos —algunhas delas de nova creación e outras xa existentes— cun investimento comprometido de 35 millóns de euros.

Entre as actuacións proxectadas cómpre subliñar as catro plantas de compostaxe de biorresiduos, unha por provincia, das cales a de Cerceda xa está operativa e as outras tres —previstas en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín— atópanse en fase de redacción dos proxectos construtivos e pendentes das correspondentes autorizacións ambientais.

Así mesmo, tamén se actuará sobre 13 das 37 plantas de transferencia que conforman a rede na que se apoia Sogama. En concreto, en sete delas habilitarase unha tolva específica para a materia orgánica dos residuos domésticos —actualmente en fase de estudo dos proxectos técnicos—, e en canto ás seis restantes, son microplantas que nuns casos cambiarán de lugar e noutros melloraranse e ampliarase a súa capacidade.

Este é o caso das plantas de transferencia da Lama e de Cee, ambas licitadas xa e que cambiarán de sitio pero dentro do mesmo polígono, e tamén das futuras instalacións de Curtis e de Ponteceso, na que se está a redactar o proxecto básico construtivo.

Imaxes relacionadas