A Xunta promove en Sanxenxo a comercialización da Artesanía de Galicia

O Pop Up Artesanía de Galicia & D-due estará aberto ao público durante os meses de xullo e de agosto e contará con pezas de 36 obradoiros artesáns

Sanxenxo (Pontevedra), 7 de xullo de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, promove a comercialización de pezas da marca nunha tenda pop up organizada en colaboración coa marca de moda D-due. O Pop Up Artesanía de Galicia & D-due estará aberto ao público en Sanxenxo (Rúa Luis Vidal Rocha, 1, edificio Maruxía) entre os meses de xullo e agosto.

A Xunta continúa co seu apoio ao sector artesán galego a través de iniciativas que fomentan a comercialización de Artesanía de Galicia, a promoción da marca e dos oficios e a adaptación ás novas formas de promoción e de venda provocados pola situación sanitaria.

Neste evento poderanse atopar pezas de 36 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, especializados na olería tradicional, na cerámica, na estampaxe, na cestería tradicional, na madeira, na elaboración de redes, no tecido, nos coitelos, no encaixe, na cestería con corda de algodón, na xoiería tradicional, na elaboración de zocos, no traballo co coiro, na elaboración de figuras con miga de pan (sanandresiños), na papiroflexia, no oficio das colareiras, na elaboración de complementos e no traballo co feltro.

Os obradoiros dos que se poderán adquirir pezas durante todo o verán en Sanxenxo son Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo), Alfarería Lista e Alfarería Rulo (Malpica de Bergantiños), Amorote (Ames), Antonio Suárez, Ojea Studio e Carlos San Claudio (Vigo) Arobe Cerámica, Artefíos, Branqueta, Pepe Otero Oleiro e Víctor Ares (A Coruña), Artesanía Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns, Druída e Fernando Porto (A Estrada), Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada), Cerámica Unzueta (Brión), Concha Canoura (Culleredo), Cunqueiro (Palas de Rei), Degerónimo, Jatafarta, Mundaya e Sandra Vilas (Santiago de Compostela), Eferro (Vila de Cruces), Jorge Bellón (Cedeira), Lanalutum (Lugo), Laura Delgado (Cambre), Mayer Joyeros (Teo), Mimadriña (Fisterra), Montse Betanzos (O Grove), Obradoiro de Cerámica castrexa Castrolandín (Cuntis), Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Raquel García Hernández (Baiona), Rectoral de Gundivós (Sober), e Redeiras Illa da Estrela (Ponteceso).


D-DUE

D-due é unha empresa téxtil con orixe no ano 1960, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo desde a década dos 90. Ao longo de máis de vinte anos de traballo, a marca amosou as súas creacións en todo o mundo: as semanas da moda de París e Milán; Madrid, Barcelona, Berlín ou Tokio, son citas recurrentes cada tempada.

As súas coleccións e creacións artística son apreciadas internacionalmente por mercados tan exclusivos coma o xaponés, onde en 2015 celebraron a apertura da súa primeira tenda en Aoyama, Tokio, unha das zonas comerciais máis exclusivas da capital nipona. A difusión internacional de D-due consolidouse ao longo dos últimos anos coa súa presenza nunha ampla variedade das tendas e dos grandes almacéns máis exclusivos de Italia, Francia ou Corea do Sur entre outras cidades clave do panorama da moda mundial.

A marca Artesanía de Galicia xa ten colaborado noutras ocasións con esta empresa téxtil de Rianxo en eventos de comercialización conxunta como o que terá lugar este verán en Sanxenxo. No ano 2016, Artesanía de Galicia viaxou a Xapón da man de D-due para amosar o traballo de varios obradoiros artesáns e foi grazas a este tipo de colaboracións que o noso sector artesán puido introducirse no mercado xaponés a través da cadea de tendas HP France, que conta con case un cento de establecementos en Xapón.

Imaxes relacionadas