O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, mantivo un encontro co secretario xeral de UUAA

A Xunta pon de relevo que a aplicación Conta Láctea permitirá aos gandeiros mellorar a xestión das súas granxas para reforzar a súa posición negociadora

O conselleiro apuntou que esta app -deseñada pola Xunta e pola Fundación Juana de Vega- se porá proximamente a disposición dos produtores para que comparen os seus custos coa media do sector e poidan mellorar a negociación dos prezos do leite

Recalcou que esta ferramenta -contemplada na Estratexia de dinamización do sector lácteo galego- vai acompañada de formación especializada en xestión empresarial e de medidas a prol da entrada dos gandeiros no capital de novas industrias

Deste xeito, José González comprometeu o apoio da Xunta ao sector vacún de leite, co obxectivo de reverter a tendencia dos custos de produción que -segundo un estudo de Unións Agrarias- se teñen incrementado arredor dun 8,5%

Nesa liña, tanto o conselleiro como o secretario xeral de Unións Agrarias resaltaron a necesidade de revalorizar o leite ao longo de toda a cadea de valor do produto, garantindo que ningún gandeiro cobre por baixo dos custos de produción

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe un encontro co secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, para avaliar un informe elaborado por esta organización sobre os custos de produción do leite. O conselleiro aproveitou a xuntanza para poñer de relevo a aplicación denominada Conta Láctea, que estará proximamente a disposición dos gandeiros ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega. Este instrumento -dixo- permitirá aos produtores calcular os seus custos e facer comparativas coa media do sector co obxectivo de mellorar a súa negociación dos prezos do leite.

Segundo recalcou José González, trátase dunha iniciativa totalmente novidosa, cun manexo sinxelo e intuitivo, que vai mellorar a posición dos produtores á hora de negociar os prezos do leite. Tal e como apuntou, esta ferramenta non só posibilitará calcular os custos, senón tamén levar a contabilidade completa das granxas, para perfeccionar a súa xestión. Deseñada pola Xunta e pola Fundación Juana de Vega, para dala a coñecer ao sector organizaranse diversas charlas explicativas, ademais de explicala nos cursos de formación empresarial agraria para a incorporación de mozos ao agro. Ao tempo, facilitarase formación específica sobre a aplicación aos técnicos das oficinas agrarias comarcais e habilitarase un servizo para atender as consultas e dúbidas dos usuarios.

Segundo puideron analizar na reunión, o informe de UUAA reflicte que o incremento tanto do prezo dos pensos como do da enerxía se está a traducir nun aumento dos custos de produción do sector lácteo de arredor do 8,5%, o que implica -aseguran- unha perda de marxe para os gandeiros que pode mesmo aproximarse aos catro céntimos por litro. O estudo engade que, ao non preverse baixadas nos próximos meses, a solución para o mantemento do sector pasaría por subir o prezo que se lle paga os produtores polo leite.
Unións Agrarias fixo referencia á situación actual das explotacións lácteas, máis aínda nun contexto no que as industrias levan meses incrementando beneficios debido á revalorización dos produtos industriais derivados, como a manteiga e o leite en pó. “A pesar de que a industria está a aumentar os seus beneficios, ese incremento da rendibilidade dos produtos lácteos non se está a trasladar ao sector produtor”. “Por isto, urximos unha revisión á alza do prezo nos liñais de venda ao público que se traslade a toda a cadea, especialmente ao elo máis débil, que é o gandeiro”, indica o secretario xeral da organización agrogandeira, que tamén lembra a importancia do sector produtor de leite en Galicia, “non só en canto á súa dimensión económica, senón tamén dende un punto de vista social, como vertebrador e xestor do territorio e axente activo na loita contra o despoboamento do rural”.

Nesa liña, o conselleiro do Medio Rural comprometeu todo o apoio da Xunta aos gandeiros de vacún de leite. Neste sentido, tanto José González como Roberto García resaltaron a necesidade de revalorizar o produto ao longo de toda a cadea de valor. Incidindo en que se debe cumprir a Lei da cadea alimentaria para que ningún gandeiro cobre por baixo dos custos de produción -especialmente se se constatan os incrementos aos que alude UUAA-, engadiu que se debe apostar por concienciar ao consumidor sobre o traballo e o esforzo destes produtores, para que o prezo final sexa xusto e o gandeiro perciba por cada litro de leite o custo de produción maila marxe de beneficio.

A maiores, José González puxo de relevo que a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego está a incidir na profesionalización dos gandeiros para mellorar o funcionamento das súas explotacións e, en consecuencia, para facelas máis rendibles e competitivas. Nese senso, lembrou as tres edicións xa programadas do curso Gandeiros 20-30, centrado en equiparar o manexo das granxas á xestión empresarial. Esta nova orientación -recalcou- debe ir acompañada tamén dun novo enfoque do produto, cada vez máis centrado no valor engadido non só para incrementar o seu prezo, senón tamén para reforzar a posición do produtor de cara á industria.

Nesa dirección, o titular de Medio Rural lembrou que a Estratexia tamén aposta polo asociacionismo profesionalizado dos gandeiros como empresarios para que defendan os seus intereses, así como pola entrada das cooperativas no capital de novos investimentos industriais en Galicia para reforzar o seu papel como aglutinadores da oferta do leite dos seus socios asumindo un papel relevante na negociación dos prezos.

Estratexia do lácteo

Despois dun intenso labor cos diversos axentes da cadea de valor do leite, a Consellería do Medio Rural presentou a finais de 2020 a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que persegue fortalecer a profesionalización do sector e a mellora da súa rendibilidade, ademais de defender a calidade dos nosos produtos lácteos.

Para iso, a Estratexia englóbase en cinco grandes obxectivos estratéxicos, relativos á produción, á industria e aos mercados, pero tamén á propia cadea de valor do leite e á formación e innovación, ao abeiro dos cales se programaron unha serie de medidas e accións concretas que xa comezaron a aplicarse.

Imaxes relacionadas