O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou a cidade sede da entidade para detallar o programa deste ano

A Xunta de Galicia presenta as vacacións de verán do programa Special Olympics, que ofrecerá máis de 150 prazas para persoas con discapacidade intelectual

Un total de 60 monitores serán os encargados de atender e acompañar aos participantes nas diferentes estancias

Este ano se levarán a cabo 13 quendas de 7 días cada unha nas localidades de Pontevedra, Vilanova de Arousa e Arcade

Pontevedra, 6 de xullo de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe na presentación das vacacións de verán do programa de Special Olympics, unha asociación que fomenta o lecer e o deporte para persoas con discapacidade. Este ano a iniciativa ofrecerá 160 prazas para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. O obxectivo da proposta é contribuír á participación, á convivencia e ao desfrute en sociedade destas persoas, á vez que fomentar as súas aptitudes.

Fernando González Abeijón salientou a necesidade e o valor que estas propostas representan para as persoas que teñen algún tipo de discapacidade, xa que lles axuda a mellorar a súa calidade de vida e tamén a das súas familias. Ademais, destacou o esforzo diario das institucións que poñen en marcha estas iniciativas para aumenta a autoestima deste colectivo a través do impulso do deporte, o ocio e a cultura.

Este ano as vacacións se están a levar a cabo entre finais do mes de xuño ata finais de agosto e estarán divididas en 13 quendas cunha duración de sete días cada unha. A actividade estará repartida entre a Residencia de Afundación en Pontevedra, o Colexio Santiago Apóstol en Arcade e Dinajam e Hotel Leal en Vilanova de Arousa. Durante a estancia dos participantes haberá 60 monitores encargados de acompañar e atender aos usuarios para garantir a máxima calidade de atención.

Imaxes relacionadas