A Xunta pon a Maderas Pérez Giménez como exemplo do traballo da industria forestal por desenvolver cadeas de valor que impulsen a innovación e sustentabilidade dos montes galegos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Gondomar as instalacións desta empresa familiar para coñecer os seus proxectos

Conde destaca a súa internacionalización e o seu esforzo por usar tecnoloxías que dean valor engadido aos seus produtos e por intentar alcanzar o residuo cero

As axudas da Xunta para promover o uso de tecnoloxías, valorizar productos a través da innovación ou para impulsar a formación beneficiarán, este ano, a 165 empresas, 10 asociacións e 1500 profesionais, cunha mobilización de preto de 40M€

Gondomar (Pontevedra), 6 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións de Maderas Pérez Giménez para coñecer os seus proxectos. Destacou que esta empresa familiar é o espello no que se debe fixar a industria forestal galega para desenvolver cadeas de valor que impulsen a innovación, permitan unha xestión sustentable dos nosos montes e incrementen a competitividade do sector.

Empresa familiar de cuarta xeración, Maderas Pérez Giménez dedícase á produción de madeira desde 1963 para a fabricación de embalaxe industrial, construción, carpintería e fabricación de soportes internos de sofás. Conta coN 20 empregados, un volume de facturación de 3,5M€ e unha produción anual de 25.000 toneladas de madeira que nun 60% se destina ao mercado nacional e o resto a países como Portugal ou Marrocos. Conde destacou que se trata dunha empresa internacionalizada e que aposta pola sustentabilidade procurando chegar ao residuo cero.

Tal e como explicou o vicepresidente económico, esta empresa utiliza a innovación e a tecnoloxía para dar valor engadido aos seus produtos. Coincide, pois, co impulso que desde a Xunta se está facendo da dixitalización desta industria. Neste sentido, estes apoios dan unha puntuación adicional para investimentos en instalacións fixas para a 1º transformación de madeira ou biomasa ou para aplicar medidas de control de pragas como a instalación de secadoiros, para axudar a empresas que, como Maderas Pérez Giménez, se atopan en zonas afectadas polos efectos do nematodo do piñeiro.

As axudas da Xunta para impulsar o uso de tecnoloxías, valorizar produtos a través da innovación ou para formación permitirán beneficiar a máis de 165 empresas, ao redor de 10 asociacións e máis de 1500 profesionais, mobilizando preto de 40M€.

Imaxes relacionadas